maio 16, 2018

Cando María Vitoria...

Extraemos aquí parte da colaboración de Xesús Alonso Montero para a revista mensual Tempos Novos (nº 252), no seu especial Letras Galegas dedicado a María Victoria Moreno. Fainos o experimentado profesor todo un esbozo biográfico da autora, á que coñeceu xusto cando tomou posesión da súa praza de profesora de Lingua e Literatura Españolas no Instituto Masculino de Lugo, praza que viña de gañar en Madrid por oposición.
 
[...] No outono de 1965, María Victoria era unha profesora de excelente formación filolóxica, unha docente feliz por ter esa profesión e un ser humano que respiraba bondade e xenerosidade, e con estas cualidades, cos seus estusiastas 26 anos, chega un día á aula de cuarto curso onde había, entre os alumnos, algúns da Terra Chá con vergonzantes inquedanzas literarias, un deles, Xesús Rábade Paredes, un mociño dez anos máis novo que a deslumbrante profesora. Engaiolounos o primeiro día, tamén co seu ritmo no falar e coa súa coidada prosodia naquel idioma ó que ela lle confería especial prestixio, máis prestixio. Que fermoso soaba na boca daquela aparición, o idioma que tatexaban na Terra Chá os señoritos e os aspirantes a señoritos! [...] Os rapaces chairegos, que asistían ó encontro desconcertados, non tardaron en asistir agradecidos, conscientes de que alguén que non era pobre, nin inculta nin da aldea conferíalle, ó idioma da nación sociolóxica das xentes subalternas de Galicia, o estatuto do seu respecto, do seu saber, do seu rigor e do seu prestixio persoal e profesional. María Victoria tamén se decatou do milagre. Aquela mesma noite, os rapaces chairegos amigos das musas escribiron versos na súa fala cheos de faltas de ortografía pero con moita emoción e moi auténticos. [...] A propia María Victoria ten publicado varios artigos sobre aquela experiencia á que ela se referiu, nunha ocasión, neste termos:

...foi en Lugo onde Galicia se revelou ante os meus ollos, enteira, no seu ser, na súa cultura, no seu feitizo, na súa problemática e na súa lingua (...) Lugo é unha páxina indeleble da miña vida (1993)

Abundan, nas declaracións filolóxicas de Mª Victoria, aquelas en que aclara que, ó optar polo idioma galego, sabía ben que optaba polo idioma dos pobres. Xa en 1974 foi capaz de comunicarlle a un xornalista lugués:

...a situación do galego non se pode ver con indiferencia. Se estou coa xente que amasa o meu pan e colle no mar os peixes da miña mesa, tamén quero falar con eles, falar a súa fala.

Moito tempo despois, no ano 2001, recoñecía:

...decateime de que aquí a palabra estaba reprimida, o galego era a palabra dos pobres, dos mariñeiros, dos labregos (...) Daquela, comprometinme afectiva e socialmente a axudar a esta xente a defender a súa lingua.

O bienio lugués (1965-1967) marcou a súa vida. Así o recoñece, tamén, nun texto privado que transcribo: a dedicatoria, en 1973, a Emilia e a min, dun exemplar de Mar adiante, o seu primeiro libro en galego, que eu prologuei:

Para vós, Emilia e Xesús, máis pais deste libriño ca min. Amigos a quen debo, entre moitas outras cousas, a miña galeguidade e mais a miña maioría de idade.
Co corazón todo
María Victoria 

Para sabermos máis:
Suplemento Letras 2018 do Sermos Galiza 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Que o blog estea vivo, depende de ti. Lembra: escribe ben, manteno limpo, mellórao coa túa aportación. Participa e fainos diferentes!
En Comentar como..., selecciona: "Nome/URL". Pon o teu nome, e deixa en branco o espazo de URL. Así todos saberemos quen somos!