outubro 16, 2014

A Galicia Rural, un ensaio fotográfico













   Galicia Rural é un ensaio fotográfico sobre a cultura rural feito polo fotógrafo inglés afincado en Cangas do Morrazo Iain Colquhoun. O volume, de 220 páxinas a toda cor, reúne fotografías realizadas polo autor desde a súa primeira viaxe ao noso país en 1982 até 2012, ano da publicación.

   O prologuista, Heitor Mera, dinos que a ollada allea e sensible do autor logra captar o que moitos galegos vemos e vivimos, mais non miramos e, moito menos, valoramos.  Nestas fotografías o verdadeiro protagonista non son a paisaxe, os carros, os muíños, as solainas, senón a dignidade da xente que vive da terra.

   O autor pronunciou as seguintes palabras que nos poden levar á reflexión: “vexo o rural como unha forma de vida, unha cultura de vida. Antigamente non foi un medio de facer diñeiro, senón un medio e un fin en si mesmo. En Galicia o home vencellábase máis coa natureza, pero agora o ser humano non ten vencellos e ten que darse conta de que estamos nun punto de inflexión no que temos que escoller un camiño porque estamos nunha canella sen saída. Precisamos doutro modelo social. Temos que nos dar conta de que o mundo come ovos e patacas, non tecnoloxía. Galicia debe potenciar isto.  Cada pobo ten que recoñecer as súas raíces e explotar os seus recursos, e non deixalos caer no esquecemento. E Galicia ten moitos recursos. As cousas ben feitas no pasado non se opoñen ao progreso e hai que mantelas. Coa perspectiva da Historia, mirar atrás e ver o que había, renovalo e potencialo é unha actitude cara á vida e cara á natureza.”






Ningún comentario:

Publicar un comentario

Que o blog estea vivo, depende de ti. Lembra: escribe ben, manteno limpo, mellórao coa túa aportación. Participa e fainos diferentes!
En Comentar como..., selecciona: "Nome/URL". Pon o teu nome, e deixa en branco o espazo de URL. Así todos saberemos quen somos!