xuño 03, 2015

20 anos sen "Trapacero"

NON CHORES SABELIÑA E OS PELÚDEZ, DA MAN DE TRAPERO

Por Ramón González

III. A SÚA OBRA MADURA
Pero será en 1943 cando Xosé Trapero Pardo estree a obra que lle dará máis fama, Non chores, Sabeliña, que será a primeira obra teatral en lingua galega representada despois da guerra civil. No libro Cántigas e Aturuxos. Repertorio lucense  teño analizado a xénese e estrea da citada zarzuela en galego:

                “O máis destacable destes anos do franquismo, nos que o coro continúa con actos esporádicos de verbenas ou bailes de máscaras, será sen dúbida, a estrea da zarzuela galega Non chores Sabeliña, con letra de Xosé Trapero Pardo e música de Gustavo Freire. A finais de 1942 anúnciase a estrea da obra por elementos da Obra Sindical de Educación e Descanso. O 11 de febreiro será cando, con decoración de Paco Racamonte Bascuas, sexa estreada a obra no Gran Teatro de Lugo. Aquí preséntasenos un problema. Sabemos que membros de Frores e Silveiras e de Cántigas e Aturuxos son os que participan nesta estrea da primeira obra teatral en galego despois da guerra civil. A prensa da época é clara: son membros da Obra Sindical de Educación y Descanso dependente da Deputación de Lugo os que participan na estrea da obra de Freire e Trapero Pardo. É un dato importante porque sería ese organismo quen facilitaría, como veremos, a unión dos dous coros lucenses en Cántigas e Frores. Sen dúbida, os dous coros estarán integrados nese organismo moito antes da creación de Cántigas e Frores, pero aínda actuarán “en teoría” como agrupacións separadas. Claramente ten naquela altura moita máis organización coral e musical, Frores e Silveiras e iso hase de notar. Explícanos a xestación da obra o xornalista e escritor lucense Xosé de Cora no seu libro sobre a vida de Trapero Pardo:
                “O fundador da Sociedade Filarmónica Lucense, Nazario Abel Corredoira concibe a posibilidade de crear en Lugo unha zarzuela galega. Para o seu proxecto conta cun compositor axeitado e de crecente éxito, Gustavo Freire Penelas; cun coro preparado para representala, Frores e Silveiras; cun director experimentado, Luis Junquera Mouriz... Falta o letrista. Estamos no ano 1942 e se todos os planos saen axustados a tempo, a zarzuela será a primeira representación dramática galega na Galicia de despois da guerra civil. Convencido Freire da importancia do proxecto, Nazario Abel pensa en Trapero como a persoa máis axeitada para escribir a letra. (...)Nace entón Non chores, Sabeliña, que meses máis tarde, o 11 de febreiro de 1943, estrea baixo a dirección de coros de Luis Junquera Mouriz.”
              En El Progreso da época dísenos que actuará unha masa coral das antigas agrupacións líricas Cántigas e Aturuxos e Frores e Silveiras. Ademais, sabemos que o director de escena foi Alfredo Barral, o apuntador Antonio Ameijide e o traspunte Ángel López. Actuaron como Sabela, Carmiña Botana e como Xastrico, Antonio Lázare. Antes da estrea, haberá ademais unha emisión da obra o 5 de febreiro."

A Sabeliña será a súa obra máis coñecida apenas ensombrecida por un personaxe que o acompañará toda a súa vida desde as páxinas de El Progreso e que Trapero recuperará en 1939: Pelúdez. Pelúdez non foi unha creación de Trapero, outros xornalistas anteriores como Antonio de Cora ou Antonio Goy xa tiñan publicado as historias daquel home que acodía ás festas lucenses todos os anos, pero sen dúbida será Trapero Pardo quen lle dará unha consistencia e un recoñecemento que ata aquel intre non contaba ou cando menos non coa exposición pública que acadou da man de Trapero.

Son anos dunha actividade intensa na súa escrita. No ano 1945 publica a obra de teatro Parolas de un vello e un ano máis tarde a obra monográfica Santuario de los Remedios. Despois virían anos de distincións e diversas publicacións sobre a cidade de Lugo, temas históricos, etnográficos e un longo etcétera que o converterían sen dúbida na máxima autoridade na historia local. Trapero Pardo non foi apenas un xornalista e escritor. Era un home dedicado a recuperar todos os aspectos da cultura galega, como ben nos lembra Ánxel Fole, nun recordatorio das actividades do autor de Castro: 

                En cierta ocasión se me aproxima Pepe Trapero y me informa de que cerca del Castro de Duarría, Ava Ripa en las antiguas escrituras, aparecieron unas monedas romanas de oro con la efigie del emperador Nerón. El lugar donde fueron halladas se llama Cortevedra. La Cohors Vétera”.

Pepe Mouriz, o famoso caricaturista lucense, tamén recolle a súa visión de Trapero no seu libro “Homes de Lugo”. Mouriz, antigo militante das Mocedades Galeguistas con Ramón Piñeiro, dinos de Trapero Pardo:
                Ehí está diante da máquina de escribir, disposto a despachar cinco folios en menos que canta un galo, encol do arte románico en Galicia, da economía rural da provincia ou seguindo ca súa enxebrización de Pelúdez e Filomena.
Morreu en Lugo, un 10 de outubro de 1995.




Ningún comentario:

Publicar un comentario

Que o blog estea vivo, depende de ti. Lembra: escribe ben, manteno limpo, mellórao coa túa aportación. Participa e fainos diferentes!
En Comentar como..., selecciona: "Nome/URL". Pon o teu nome, e deixa en branco o espazo de URL. Así todos saberemos quen somos!