A seguinte entrevista constitúe a primeira parte da conversa que tres alumnos de 2º de Bacharelato do curso que rematou: Candela R. Otero, Alba Sinde e Paulo Montero tivemos con Xabier Cordal a propósito das súas últimas publicacións. Comeza cunha animada parola sobre as lembranzas dun Instituto que estamos deixando atrás, clases, profes, suspensos... Cordal foi especial tamén porque con el había suspensos non previstos..., un profesor capaz de abrir a mente de moita xente, que lle deu outra perspectiva á materia e que practicou unha particular metodoloxía contra o aburrimento. Xabier insiste na importancia de transmitir entusiasmo, de pór entusiasmo cando se estuda e de vivir o que se fai.
CANDELA.-
Comezaches a escribir moi novo e
participaches no Colectivo Ronseltz cunha publicación que tiña certo
carácter vangardista; podíasnos explicar de onde xorde a idea de crear este colectivo?
XABIER.- O meu primeiro libro é anterior ao
de Ronseltz, é do 93. Eran historias que tiñan que ver co celtismo, coa
identidade, co idioma... En Ronseltz nós tiñamos ao principio boa intención: íamos facer unha revista universitaria. O que
pasa é que nos xuntamos un grupo de xente que tampouco estábamos moito pola
parte científica, digamos, da universidade. Fixemos unha reunión e había xente
moi seria que foi marchando porque empezamos a dicir todos paridas e cando nos
demos conta quedou o que foi o núcleo do que despois se chamou Ronseltz. E publicamos unha revista, e despois outra… Con Ronseltz fixemos recitais na universidade que eran
un auténtico desastre, entrábamos pola ventá
en vez de entrar pola porta, había música... éramos cinco e os cinco á vez lían cadanseu poema e facían
chistes e cantaban. E xogaban ao póker de dados.

Tivemos
o outro día unha reunión en Santiago, dentro dunhas xornadas poéticas que houbo
no Teatro Principal, e foi ben bonito. Vimos que estamos moi vellos, moi vellos,
pero moi contentos.
CANDELA.-
Foi unha experiencia, desde logo…
XABIER.-
Si, foi unha experiencia para a xente que ía a recitais porque non entendían
nada. Estaban afeitos a un tipo de recital solemne, con xente botando o seu rollo. Nós, menos iso, calquera cousa. Despois xa cambiaría, acabou sendo
case como unha actuación teatral improvisada. Nunca sabíamos o que íamos facer,
tíñamos uns textos que podían servir, por se alguén se perdía; pero non sabíamos
como ía acabar a cousa, nin como empezaba. Un día tivemos un recital nunha
aula de teatro grande que hai en Santiago e foi apoteósico, aquel directo foi
unha marabilla. E aí xa nos disolvemos practicamente. Iso foi no 88.
CANDELA.- Que
marabilla! Es coñecido como autor de poesía, o último libro resistencia da auga aparece tras un
longo período de silencio, pero tampouco tan longo coma o do libro Transmuta. Eses períodos entre un libro
e o outro débense á falta de inspiración, porque non tes tempo ou simplemente
ocorre así?

CANDELA.- Agora
sacaches o libro Relatos para televisión,
unha sorpresa porque é narrativa; estes relatos tíñalos gardados e recompiláchelos
ou naceron a partir dun e dixeches: continúo?
XABIER.-
Hai de todo. Algúns saíron xa en prensa, hai bastantes anos, en Galicia Hoxe, antes de que o noso
presidente se cargase Galicia Hoxe eu
estaba nese periódico, que tiña unha sección sobre literatura. Publiquei algúns relatos e algún que nunca chegou a saír. Despois, outros... pois
si, andaban por aí, en formato as-cousas-que-escribo-e-sempre-tiro, ao final
fago iso moito, escribo e despois digo: "isto non me gusta", "isto non é", entón
tíroo. Pero ás veces vas tirando, vas tirando e queda un substrato, queda un
pouso. E dese pouso que foron dúas ou tres novelas inacabadas, naceron os
relatos. Menos un, que foi un encargo expreso do grupo Luar na Lubre para un concerto que trataba de Ith e de Breogán. Introducino aí, porque como son relatos bastantes distópicos en xeral, este facía
de contrapunto. É un relato moi distinto, o pasado, os mitos… etc.
CANDELA.-Ese
relato titulado “A Torre” levoute a
realizar a portada cunha imaxe da Torre de Hércules ou por que a Torre de
Hércules na portada?
CANDELA.- Cando
escribes narrativa, o feito de que escribiras durante toda a túa vida poesía
fai que a prosa teña un estilo máis poético?
XABIER.-
Hai xente que se estraña un pouco, que me di con certa sorpresa: "cando escribes contos, escribes
contos!" E eu digo, pois si, porque os contos son contos [sorrí]. Non preconcibo unha idea
sobre nada en xeral, é dicir, hai moitos poemas que levo escrito que poderían
ser contos, non sei se hai contos neste libro que puidesen ser poemas, creo que
non. Intento falar a linguaxe de cada medio e adaptarme ao sitio onde
estou, é coma cando escribo cancións… Cando escribo unha canción, escribo unha
canción, normalmente intento que sexa moi comprensible e... ás veces sáenme, ás
veces non. Cada medio pide unha linguaxe. Eu creo que hai que saber adaptarse
a iso... ou romper con iso.
CANDELA.-
Nalgunha entrevista dixeches que estas dúas últimas obras teñen un carácter
persoal; ata que punto mostran como es
ti ou a túa realidade?
XABIER.- Ui, si, é imposible escribir sen que saia o usuario, quero dicir, o emisor, que
acaba sendo o usuario porque ao final o que escribes é un ente estraño... Pasan 30 anos, les un conto que fas aos 20 e dis: "pero isto que é?, realmente es ti?". Mais resulta inevitable. No libro de poemas algún poema é biografía
pura... ao mellor hai que saber moito sobre a miña vida para localizar sobre qué falo, en concreto. Outras veces non. Hai un texto que fala sobre a lingua, está ao principio; aí fago unha reflexión que creo que pode servir para
moitas persoas que se encontran nese mesmo escenario, do que falo moito nas clases, que é a
ruptura da transmisión do idioma.
CANDELA.- Cando
escribes un libro, tanto de poesía como de narrativa, tes algún obxectivo, algo
que queiras transmitir a partir del ou, simplemente xorde -como o que dis sobre
a lingua?
XABIER.-
Pois iso é un misterio, eu creo que hai de todo; hai poemas que se escriben
sós; eu estou aí e fago de transcritor, ás veces teño esa impresión, desde que
empecei a escribir. Eu creo que é unha experiencia que ten calquera
persoa que se dedica a algo artístico. Hai días nos que estás ti e hai días nos
que non estás ti e hai outra cousa, claro, obviamente es ti, pero non es ti de
todo... iso pode pasar cando tocas un instrumento, cando pintas un cadro ou cando
saes a un escenario a actuar. Despois, ás veces, estamos nós polo medio e as
nosas teimas, os nosos medos, as nosas alegrías, todo… Eu non teño obxectivo
ningún cando me sento a escribir. Os obxectivos están ben para as empresas e para
os institutos e para o día... pero non concibo a literatura como algo que sexa
un medio para outra cousa, esta "outra cousa" pode saír e son consciente, e ademais gústame. Pero a literatura é inútil, como dicía Óscar Wilde. Eu creo que iso é unha marabilla porque nos
fai libres.
CANDELA.- Á
parte, á hora de escribir tomas algún exemplo cultural ou referencia ou
baséaste en xente?
XABIER.-
En xente si, que pode ser o meu veciño, a miña avoa que non estudou… ou os
escritores e escritoras que admiro que son moitísimos, e os libros que leo. É
inevitable, ao final sae unha especie de arquitectura que contén todo isto,
porque todo iso somos nosoutros, porque non se pode facer unha casa sen albanel. E os albaneis, en teoría, son xente humilde, son xente que non sabe certas cousas: pero sabe outras. E estar á escoita é importante neste oficio. Iso inclúe os
libros, por suposto non imos negar que a cultura é algo importantísimo e ás veces hai que loitar por ela. Pode ocorrer, por outra parte, que non sexa agradable ler certos libros ou
ver certas películas, pero hai que facelo, podemos crecer a través diso. Estou
pensando agora en Oliver Laxe, que acaba de ter outra vez unha intervención gloriosa en
Cannes (Francia). E é un director moi esixente! É un director do que ao
mellor pensas, estás vendo unha película súa e polo medio pensas que te estás
aburrindo. Pero ao final dáste conta de que chegou, que está dentro de ti; e iso
que parecía aburrimento en realidade era un esforzo para asimilala.
CANDELA.- Ao
longo da túa carreira lograches diversos premios polas obras que publicaches,
nalgún momento algún deses libros ía dirixido a un certame ou premio concreto?
Se
boto a vista atrás creo que hai máis premios que non me deron que premios que
me deron. Aprendín a distanciarme un pouco diso; claro que cando che dan un
premio, estupendo!, sobre todo se leva cartos. Pero creo que non, incluso se andaba un premio por aí rondando era unha escusa, e eu era consciente diso. Ás veces para escribir tamén hai que ter unha boa escusa.
CANDELA.- Antes
dixeches que escribiras un poema para Luar
na Lubre, que despois foi tamén musicado por Mago de Oz, que a min paréceme espectacular; escribir un poema para
que sexa musicado ten máis dificultade que un poema normal?

PAULO.-
O feito de que a poesía tenda agora a ser musicada, creo que é un claro exemplo
de que a pesar de que a poesía puidera perder a súa popularidade, grazas á
música está remontando. Como consideras ti, a día de hoxe, con tanta evolución
nas tecnoloxías, todos eses cambios tamén na literatura?
XABIER.- Eu véxoo con moito
interese, vai todo moi rápido, ao mellor rápido de máis... están aparecendo poetas
novos por España, por Portugal, en Galicia tamén algunhas persoas traballan eses formatos. Fan unha poesía moi aberta, moi rápida, cunha vocación de ser comprensible
e accesible por todo o mundo. Que me parece moi ben. E tamén está o que ti dis
da música. Houbo sempre esa relación entre poesía e música, desde que naceu a
humanidade, creo que a poesía ten moito que ver coa música, e viceversa.
Existen autoras moi esixentes hoxe, que a través da música e da Rede están
contribuíndo a que as persoas perdan certo receo que tiñan cara á poesía. Son consciente de que é algo [a poesía] que non vos gusta e vos fai sufrir; pero que
nos faga sufrir e que resulte aburrido, en principio, non quere dicir nada. O importante é que nos chegue. E unha canción é un vehículo ideal para iso.
(Continuará)
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Que o blog estea vivo, depende de ti. Lembra: escribe ben, manteno limpo, mellórao coa túa aportación. Participa e fainos diferentes!
En Comentar como..., selecciona: "Nome/URL". Pon o teu nome, e deixa en branco o espazo de URL. Así todos saberemos quen somos!