Botamos unha ollada atrás, ao curso que rematou, e imos lembrar algunhas das actividades organizadas por este ENDL, equipo de alumnado e profesorado do centro que este ano buliu canto puido. Para facermos esta entrada contamos coa inestimable axuda de Candela R. Otero e Alba Sinde.
Desde o punto de vista particular, o taller fíxonos sacar o noso lado poético máis escondido. A verdade é que esta actividade é moi recomendable para calquera persoa, xa que permite expresar os sentimentos máis internos dunha maneira fermosa e dun xeito que nunca coidarías posible. Desexariamos repetir moitas veces, incluso durante máis tempo. Sen dúbida un dos mellores momentos foi cando aceptou recitarnos un poema, Carme Conde é unha persoa incríbel, tanto a nivel artístico como persoal. Ogallá poidamos gozar dela de novo outra vez.
O galego é a fórmula! Nós somos o elemento!. O galego é o noso símbolo! Temos química coa nosa lingua! |
↪Neste ano celebramos a XIX edición de Correlingua co lema O galego é a fómula, facendo referencia á ciencia, coincidindo cos 150 anos da creación da táboa periódica dos elementos químicos por parte do ruso Mendeleiev. Centrouse a atención na necesidade de que o galego estea presente en todas as materias do ensino, tamén nas do ámbito científico. En Lugo, o 8 de maio, xuntáronse 1200 rapaces e rapazas de primaria e secundaria nun acto presentado por Luís o Caruncho, dándonos a benvida na praza de Santa María antes de facermos o percorrido pola Muralla. O alumnado de 1º ESO do Terra Chá leu para todos os asistentes o Manifesto gañador desta edición: "temos química coa nosa lingua".
A continuación o grupo gañador do certame de vídeo na categoría infantil e primaria, do CEIP de Albeiros (Lugo), fixo a súa representación e seguidamente foron entregados diplomas e agasallos aos centros participantes e tamén para as tres mellores pancartas. Pechouse o acto cantando e bailando co grupo musical Monoulios DOP.
↪En marzo, o día 28, e en colaboración co departamento de Filosofía, emprendemos viaxe a Santiago de Compostela e Padrón, co alumnado de 1º de Bacharelato. Visitamos unha exposición sobre nada menos que... fútbol!, "Valor e Mestría, Galicia como fútbol", que nos deixou favorablemente sorprendidos. A mostra arranca en 1876, ano no que se data a primeira referencia ao xogo do foot-ball en Galicia, e chega até o gol do celtista Iago Aspas no Mundial de Rusia de 2018.
Tamén nos pasamos polo Parlamento galego, a chamada casa de todas e todos, e finalmente desprazámonos até Padrón para a visita á casa-museo de Rosalía de Castro. Velaquí algunhas fotos dese día.
O fútbol visto doutro xeito ten o seu aquel |
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Que o blog estea vivo, depende de ti. Lembra: escribe ben, manteno limpo, mellórao coa túa aportación. Participa e fainos diferentes!
En Comentar como..., selecciona: "Nome/URL". Pon o teu nome, e deixa en branco o espazo de URL. Así todos saberemos quen somos!