
ies da terra chá
Blog do ENDL
xuño 30, 2022
Visita á Casa Museo de Manuel María

xuño 29, 2022
Encontro interxeracional
Tiñamos o desexo de realizar un encontro interxeracional e nesta ocasión contamos con dúas mulleres, unha bisavoa e unha avoa de dúas das nosas alumnas.
Mulleres alegres, con grande vitalidade gustosas de estar e compartir cos máis novos e ademais nun centro de ensino.Contáronnos dos seus anos mozos, das festas do seu tempo, que se celebraban pola tarde e remataban antes de ser noite; ás que ían andando (levaban zapatillas ou zocas para non manchar os zapatos que poñían ao chegar á festa). Falan de como había que "permitir o baile". Tamén falaron do seu noivado. Sobre algunhas viaxes que fixeron,etc.
Esther, 91 anos. Nacida en Bazar (Castro de Rei), considera que tivo unha nenez e mocidade sen dificultades, aínda que foi pouco á escola e na casa dicíanlle que aprendese a coser e iso fixo. Aprendeu cunha costureira veciña e despois traballou na súa casa, onde lle facían encargos de vestidos, abrigos (prenda que pouco lle gustaba facer). Ao casar deixouno para atender a casa e despois á súa filla. Comenta que non lle tocou traballar moito no campo, como a outras mulleres, porque o seu marido era carpinteiro e ía polas casas carpintear. Carmen, 73 anos. Nacida en Dumia (Ancares). Tivo varios irmáns e tamén foi pouco á escola, con aprender a escribir e as catro regras xa o consideraban suficiente. Aos 17 anos marcha ata Barcelona para a casa duns familiares porque alí a irían buscar outras tías súas para levala a Francia. Traballou de empregada do fogar e comentou das dificultades que tivo co idioma, do seu empeño en aprendelo e da diferenza de vida respecto a España e moito máis para ela criada nunha aldea.
Moitas grazas ás dúas!
marzo 31, 2022
Do proceso de normalización e situación actual da lingua

De forma clara e amena explicounos os termos “pluralidade lingüística”, “lingua propia”, “cooficialidade”, “liberdade de opción lingüística” etc. e fixo referencia á situación da lingua no ámbito do ensino coa
análise dos diferentes decretos ao respecto. Tamén nos achegou a realidade
de uso, ou mellor a escasa presenza do noso idioma no ámbito da
xustiza.
novembro 18, 2021
Darío, terra e ceo
marzo 17, 2021
Seguimos coa toponimia
O vindeiro martes día 23, ás 14:45 h., teremos no instituto a primeira xuntanza para iniciar o noso traballo de colaboración co proxecto Galicia nomeada.
Trátase de recoller, xeorreferenciar e difundir a microtoponimia da nosa comarca, coa idea de preservala do esquecemento, como un valor cultural máis que non debemos deixar perder.
Para isto usaremos a aplicación colaborativa que nos presentou o pasado 8 de xaneiro o profesor VicenteFeijoo Ares coordinador do proxecto e membro do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega.
Esperámoste!
Xantar e xuntanza antes de poñerse ao traballo.
💬 Descarga de balde a app Galicia nomeada
febreiro 22, 2021
Toponimízate !
RELATORIO NO IES DA TERRA CHÁ
A riqueza e a importancia da toponimia
Vicente Feijoo Ares, coordinador do proxecto Galiza Nomeada, desenvolvido polo Seminario de Onomástica da RAG, estivo o día 8 de Xaneiro no noso centro para falarnos un pouco do seu labor respecto á Toponimia e que valoremos a riqueza, importancia e a necesidade de salvagardar e difundir a microtoponimia tradicional, como parte importante do noso patrimonio inmaterial. Todo ese patrimonio vive, basicamente, na memoria da xente maior e por iso corre o risco de desaparecer.
Partiu da definición de “toponimia” e a referencia de que os topónimos en Galicia teñen como única forma oficial a galega e podemos consultar a forma correcta dos nomes das provincias, parroquias, concellos e lugares no Nomenclátor de Galicia.
Explicou a diferenza entre macrotopónimos e microtopónimos, e nestes centrou o seu relatorio.
A toponimia galega é única, pola densidade de nomes que temos, pola variedade e pola súa antigüidade. O motivo da súa abundancia é que poñemos nomes a todo e calquera elemento, un anaco de terra ten un nome e o mesmo ocorre no mar. Da toponimia podemos obter información diversa, porque nos fala dos animais salvaxes que poboaron os nosos montes, do tipo de vexetación, árbores, plantas, herbas que había, o modo de vida da xente, sobre as súas crenzas e sobre a historia en xeral.
Todo este patrimonio, que representa un dos nosos principais sinais de identidade, corre o risco de perderse, xa está desaparecendo debido:
-
á transformación dos medios de vida tradicionais, cada vez menos persoas viven da agricultura, gandería, pastoreo; a xente moza non queda no rural. No mar o GPS dos barcos substitúe o coñecemento do medio acuático que posuían os vellos mariñeiros, que tiñan nome para toda caste de illotes, pedras, lugares con abundancia de peixe...
-
ás concentracións parcelarias e urbanizacións, onde todo se indica por polígonos e parcelas.
-
ao falecemento dos nosos maiores, especialmente as mulleres que atesouran moita da nosa memoria.
-
ás aldeas deshabitadas.
A seguir presentounos a aplicación colaborativa e aberta á cidadanía que permite a recollida, xeorreferenciación e difusión da microtoponimia: Galicia Nomeada. Explicou o seu manexo e como podemos colaborar para completar microtopónimos dos nosos concellos, mesmo achegar información fonética gravando a súa pronuncia ou tamén engadir outra información extra. Toda esta recollida e difusión da toponimia pode aproveitarse para:
-
a administración local, realización de rutas turísticas, servizos de correos, paquetería, na loita contra incendios, etc; ao contar coa xeolocalización dos lugares.
-
a información orográfica para a construción de obra pública.
-
como ferramenta normalizadora no ensino e coñecemento da historia local.
-
como fonte para a publicidade ou uso comercial, para denominar produtos locais, artesáns, nomes de grupos musicais...
Finalmente e para rematar deu unha explicación rápida do significado dos nomes das parroquias do concello de Castro de Rei e dalgunhas do concello de Cospeito.
Conclusión: a recollida desta información lingüística, histórica e cultural permite valorar os nosos avós e relacionar as xeracións máis vellas, coñecedoras da toponimia, cos mozos que manexan as novas tecnoloxías.
NON ROMPADES A CADEA!
febreiro 02, 2021
Concurso de Fotografía
Anímate, saca o móbil e contempla o teu entorno.
xaneiro 24, 2021
Premios Candeloria
ENTREGA DE PREMIOS
Concurso de poesía Candeloria 2020
A causa do confinamento e peche dos centros de ensino a partir do 13 de marzo de 2020, non puidemos facer entrega dos premios do certame do pasado curso 2019-20.
E agora, rematado este primeiro trimestre, aínda non sendo posible facer a entrega a través dun acto numeroso e lucido, por causa de respectar as medidas que marca o protocolo Covid, si puidemos (en formato reducido) entregarlle aos premiados, alumnado actualmente en 3º e 4º de ESO, os seus esperados e merecidos agasallos.
O 1º premio foi para Cristina Pérez Amigo
Varios Accesit para:
Natalia Edrosa Crecente
Raúl Freire Fernández
Karla García Cabarcos
Laura García Fernández
Agradecemos a todas e todos eles a súa participación e bo facer, desexando que manteñan sempre o seu espírito literario. Parabéns!
Agardamos poder facer unha nova convocatoria proximamente na que haberá novidades e na que esperamos seguir contando coa colaboración dos premiados e coa de todas e todos vós.
E sen máis, aquí deixamos un pedaciño da arte deste certame:
O amor máis bonito
non é sempre o que pensamos:
ese que te eleva ás nubes,
cando estamos namorados.
Ás veces, o amor máis bonito
é o da amizade,
dos que están sempre ao teu lado,
na saúde e na enfermidade.
Ou o amor desa persoa
que te coidou dende meniña,
que che ensinou dende a falar
ata a vivir a vida.
Eses amores verdadeiros,
fortes e irrompibles.
Eses pasados por alto,
tanto que nin os percibes.
Pero son eses amores
os que nunca te deixaron,
por iso, fai un esforzo
para aprender a aprecialos.
marzo 24, 2020
A poesía tamén importa
“Xamais baixo o xugo do medo
a bater contra aqueles postes impasibles, a proba
da vitoria do mal”
Para sabermos máis:
Unidade Didáctica, "Poesía para respirar. O poema, o corpo e a voz" Lara Rozados
Bibliotecas escolares de Galicia
marzo 05, 2020
E Rosalía chegou
