
E aquí deixamos a segunda entrega da conversa con Xabier Cordal, escritor de sempre, no que destaca a súa premiada e recoñecida obra poética, pero tamén as súas críticas literarias e as súas múltiples colaboracións xornalísticas, tamén en diferentes portais dixitais, así como o seu traballo como guionista, letrista e, especialmente para nós, como profesor de lingua e literatura galegas no IES da Terra Chá Xosé Trapero Pardo.
CANDELA.- Agora, e sobre todo na literatura castelá, están aparecendo autores que escriben poesía basicamente dirixida cara á xente da nosa idade ou así. Coidas que ese tipo de poesía pode ser favorable a que no futuro aumenten os lectores de poesía, ou simplemente están deturpando o que debería ser a poesía?

CANDELA.-
Ben, agora quería pasar a unhas preguntas un pouco máis persoais ou íntimas.
Por exemplo, en que momento decidiches estudar filoloxía galega, porque na vosa
época ao mellor nin tiverades contacto coa lingua e literatura galegas como
materia no instituto?
XABIER.- Desde que teño uso de
razón lembro ler todo o que había pola casa en galego, e non era unha casa onde
houbese moitos libros. Con todo, nunca pensei moito nesa cuestión... de repente cheguei e dixen, "ben, agora que fago?" e había unha filoloxía, Filoloxía Hispánica, coa posibilidade de dous anos finais de
especialización en galego e portugués. E fun por aí porque me resultaba o menos
espantoso de todas as posibilidades. Eu o que quería era ser escritor, pero
neste país é un pouco difícil e se por riba fas as cousas que facíamos en
Ronseltz... non facíamos amigos precisamente [ri]. Eu escribía en galego xa con
14 anos, non había normativa pero tentaba estar atento ao que había, ao que se
publicaba. Tiven moi pouco galego tamén no ensino, apenas meses, entraban e
saían os profes... O meu estaba moi claro: ler moi novo a Celso Emilio, ler a Castelao,
foi realmente a miña universidade.
CANDELA.- E
esas poesías de cando novo, telas aínda gardadas ou era diso que escribías e
despois tirabas?
XABIER.- Algunha hai, si. Había
unha revista onde eu estudaba e nela publiquei algún texto que aínda gardo,
pero se se perden tampouco choro. Presta igual que presta ver un debuxo de
cando tiñas catro anos. Agora si que gardo moito do que fan os meus fillos,
pero antes gardar esas cousas dos fillos non se facía, non se levaba.
CANDELA.-
Levas no IES da Terra Chá moitos anos, realmente todo o mundo sabe quen é
Xabier Cordal porque a todo o mundo lle deu clase Xabier Cordal. Só desde que
eu cheguei xa vin cambiar moitos profes, que precisaban mudar de aires ou que
lles era máis cómodo estar noutro lugar, pero ti aquí segues...
XABIER.- A razón sodes vós, non
hai outra, é o alumnado, porque se non non estaría aquí, marcharía a calquera
sitio. Eu vin aquí por azar, realmente; estaba moi ben en Mondoñedo, fun moi
feliz alí, pero a vida dá as súas voltas e, ben, ao final fun vivir para o
Corgo e Castro resultaba unha mellor opción. Desde o principio atopeime ben
aquí cun alumnado que falaba galego, que non precisaba de min para saber onde
van os pronomes e iso permitíame falar doutros asuntos. Por outro
lado, gusto dos lugares pequenos, de saber con quen estou falando, cal é a súa
problemática; nun alumnado urbano ás veces isto creo que é máis difícil. Aquí
non vou dicir que sexamos unha familia, pero si que existe esa compoñente; eu
xa teño varios fillos e fillas de exalumnos..., por un lado isto é deprimente, haha,
e por outro é unha marabilla. Pero vós sodes alumnos e alumnas excepcionais,
iso sempre o souben, entón non quero irme a sitio ningún porque non creo que vaia
atopar nada parecido.
CANDELA.- Grazas pola parte que nos toca. Cando cheguei ao instituto lembro que
había unha revista que se chamaba Lucerna, na que ti traballabas e da que
formabas parte moi activa, cal é o motivo de que esta desaparecese pois
realmente era a revista do instituto?

CANDELA.-
Nós temos a sorte de saírmos nun dos últimos números...
ALBA.- A
verdade que eu, que levaba vendo esa revista na miña casa durante anos, sempre
pensaba: cando chegaremos nós ao insti para saírmos nela...
XABIER.- Si, o das fotos das
promocións, que parece secundario, ao final era moi importante, algo que queda
aí para toda a vida. É unha mágoa que desde os poderes públicos non se
estableza unha vía que permita afianzar no tempo proxectos coma este e que non
dependan de que apareza un profesor que tome esa tarefa entre mans. Ollo, eh?
que o traballo do alumnado era tamén fundamental. E ademais o pico forte de
traballo cadraba co recta final do curso, os exames, etc. En definitiva as revistas escolares, aquí e en calquera parte, son moi
necesarias.
CANDELA.-
Cambiando de tema, gustaríanos saber a túa opinión sobre as novas xeracións.
Coa perspectiva que che dá vernos pasar pola aula, ver como cambiamos, como
evolucionamos, imos a mellor, a peor...?

CANDELA.- Coa
experiencia acumulada de todos estes anos, consideras que a porcentaxe de
alumnado galegofalante minguou?
XABIER.- Non o considero, seino. Ao
chegar a este instituto fixéramos un estudo bastante ambicioso, durante
meses. Hai que ter en conta que naquela época había en Castro 500 alumnos e
alumnas; pois ben, aí estábamos nun oitenta e moitos por cento de
galegofalantes. Agora non sei a porcentaxe con aquela seguridade, pero desde
logo é moi fácil de percibir e ten que ver cunha tendencia que é a deste país
que, como dicía Manuel Rivas “está empeñado en suicidarse e non o consegue”.
Temos esas responsabilidade sobre nós, é moi cómodo pensar que todo vén de
arriba, que se Feijóo e tal, e é certo que temos uns poderes públicos que son hostís
cara ao idioma, ou cando menos que o tratan como un rito ou un folclore... ora
ben, hai unha responsabilidade persoal, igual que cando falamos de que non se
le literatura galega. É a nosa vida apostar polo galego desde dentro de nós e
non unicamente cara a fóra, que por suposto é moi saudable, é imprescindible,
pero tamén hai que pensar propositivamente. Teremos que ser un pouco máis
atractivos e non converter a lingua nun elemento de partido, de ideoloxía,
senón facela o que é unha lingua, o idioma de todo un país con independencia e
á marxe do que cada quen vota, pensa ou fai.
PAULO.- Eu
si que percibín, e só no tempo que pasei no instituto, ese cambio e vexo que as
promocións novas empregan moito máis o castelán, sobre todo cando falan entre
eles...

CANDELA.- Pero
si que moita xente segue a pensar que a lingua galega non serve fóra de Galicia
e que falar galego está ligado á túa militancia política e, polo tanto, non
queren ser identificados con iso. Realmente delata unha inconsciencia total por
parte daqueles que tiran por terra as súas raíces e o seu futuro por medo a
seren connotados, etiquetados.
XABIER.- Desde o meu punto de
vista, creo que se insistiu demasiado na forza simbólica do idioma e no
carácter do idioma como elemento político, que o ten, pero unha cousa é que
sexa un elemento político e outra que sexa partidario ou ideolóxico. Coido que
é un erro moi grande dicirlle aos demais “ti non tes dereito” ou “ti non es dos
nosos”. Foi un erro histórico e aínda constato que non se corrixiu. Por iso
fundamos Prolingua, entre outras cousas, porque queríamos transmitir a idea de
que a lingua é algo moito máis importante do que unha ideoloxía concreta. Do
mesmo xeito que non tería sentido considerar aquela montaña ou a arte románica como
da miña propiedade ou da do meu partido.
CANDELA,
PAULO, ALBA.- Pois moitas grazas por compartires con nós este tempo e por
contestar as nosas preguntas.
XABIER.-
Moitas grazas a vós. Foi moi divertido, paseino moi ben.
Parabéns aos tres entrevistadores e ao entrevistado. Gustoume moito.
ResponderEliminarAgradecidos, Xosé Antón!
Eliminar