A violencia contra mulleres e nenas é, di a ONU, unha das violacións dos dereitos humanos máis estendida, persistente e devastadora do mundo actual, debido á impunidade da que gozan os perpetradores, e o silencio, a estigmatización e a vergoña que sofren as vítimas. Este 25 de novembro o IES da Terra Chá quixo, de novo, estar á altura dunha data que nos esixe conciencia e compromiso. O noso acto contivo danza, música e canto feito por alumnas e profesoras do centro, léronse textos creados por rapazas de 1º de Bacharelato na voz de tres profesores e tamén foi un profesor quen preparou e leu o seguinte manifesto:
[texto de Manuel Fernández]
profesor de lingua castelá e literatura
Este acto, co que se celebra o Día Internacional da Violencia de Xénero, convócase baixo o motivo da rede, a rede de mulleres. O labor do tecido, que tradicionalmente estivo en mans das mulleres, non ten só a forma visible da tea ou da rede que se tece, senón tamén outra menos visible, que é a da memoria e a da solidariedade. Moitas figuras na historia da cultura remiten a esta idea, como a Penélope tecendo e destecendo o sudario, a Aracné enfrontándose á soberbia dos deuses, ou mesmo a Sherezade que empataba un conto con outro para despistar o destino. Son tecidos feitos con fíos de la, de liño, de seda ou de verbas, porque tecer e contar son accións equivalentes e en calquera das dúas se pode perder o fío. Naquela arte queda manifesto un saber ancestral que fai que do tecer e destecer xurda unha maraña na que queda prendido o tempo, desorientada a morte e posta a salvo a memoria. Esa historia das mulleres que non foi gardada por escrito en papel conservouse, en boa medida, nos tecidos trenzados polas súas mans, de xeito que de todo novelo nace unha novela.
Por iso non é de estrañar que as mulleres do IES da Terra Chá tiveran escollido o motivo da rede para esta conmemoración; a rede de mulleres, que antes de xeito soterrado e agora reclamando un espazo visible e propio, fai referencia a un labor solidario e sostido, porque en toda tea, elaborada cuns fíos que se sosteñen mutuamente, queda tamén sempre unha febra solta que a fai susceptible de ser continuada e reconstruída.
O feito de que este ano sexamos os homes os que asumamos un papel protagonista neste acto debe ser entendido como unha invitación que elas nos fan para que tamén participemos nese labor de tecido e sexamos parte da rede que constrúen con determinación contra a violencia, para a igualdade e sobre a solidariedade. É un acto xeneroso que indica que non é unha rede para a exclusión, e que nos leva a pensar que a súa disposición a escoitarnos é tamén unha das maneiras coas que reclaman seren escoitadas. Pídennos dende a súa liberdade consquistada que esteamos á altura, para que non teñan que voltar a escribir, como fixera Rosalía de Castro, aquilo de:
Tecín soia a miña tea
sembrei soia o meu nabal
Para sabermos máis:
O mito de Penélope e o poema de Díaz Castro
Sherezade e As Mil e Unha Noites
Programa da TVE Mirar un Cuadro: "Las hilanderas" de Velázquez
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Que o blog estea vivo, depende de ti. Lembra: escribe ben, manteno limpo, mellórao coa túa aportación. Participa e fainos diferentes!
En Comentar como..., selecciona: "Nome/URL". Pon o teu nome, e deixa en branco o espazo de URL. Así todos saberemos quen somos!