maio 11, 2014

Aprender e pasalo ben


Este é Sebastián García Mouret, alumno de 2º de Bac nun IES de Lugo. Con 17 anos ten unha canle en Youtube con 50.000 subscritores e máis de 70 vídeos editados. Pódela buscar polo nome de El coleccionista de mundos, está dedicada a facer recensións daqueles libros que caen nas súas mans e devora empedernidamente; tamén hai unha versión en blog. Como el di, ten moitos máis seguidores fóra que dentro do país: actualmente superou o millón de visualizacións en tan só ano e medio de experiencia. Namorado dos libros, do cine, da música e da literatura, fálanos no vídeo dunha obra de lectura obrigatoria este ano no seu curso: Made in Galiza de Séchu Sende.
Cara o final do vídeo, xenialmente presentado e producido, explícanos que decidiu abrir unha nova canle en Youtube denominada O Rocho das Ideas, onde irá colocando todas aquelas cousas que lle pasen pola cabeza, pero coa particularidade de que o vai ir facendo sempre en galego, pois "xa chegou o momento de fomentar un pouco a nosa lingua na Rede".
Non perdades a ocasión de seguir a este rapaz porque o explica todo moi ben, moi rápido e moi sinxelamente: un excelente compañeiro que vos guiará con acerto á hora de escoller no universo da cultura. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Que o blog estea vivo, depende de ti. Lembra: escribe ben, manteno limpo, mellórao coa túa aportación. Participa e fainos diferentes!
En Comentar como..., selecciona: "Nome/URL". Pon o teu nome, e deixa en branco o espazo de URL. Así todos saberemos quen somos!