CLUBE DE LECTURA:
O AUTOR: Jim Thompson (1906-1977)
Novelista, xornalista e guionista
norteamericano, con pouca transcendencia no circuíto da novela negra do seu
tempo foi, porén, reivindicado máis tarde, cando se descubriu a depurada
técnica narrativa e xornalística da súa obra, o seu elevado valor literario, a habilidade
para retratar psicolóxica, social e moralmente ao ser humano, a súa capacidade
innovadora e a forza das súas personaxes. Suso de Toro, Diego Ameixeiras ou
Manuel Rivas manifestaron algunha vez a súa admiración polo traballo de
Thompson, que tamén expresa o malestar existencial do ser humano.
A OBRA: Rinoceronte Editora, 238 páxs, ano 2012. (Trad. do Inglés de Eva Almazán)
Ambientada no Sur profundo dos Estados Unidos en 1917, o ano
da Revolución Rusa, presenta unha historia narrada en primeira persoa polo seu
protagonista, o shériff Nick Corey, que nos relata os seus valores e modo de
vida: mirar para outro lado e non intervir; máis que impoñer a lei interésalle
durmir, vivir tranquilo e sacar uns cartiños en subornos. O malo é que sempre
hai quen porfía en complicarlle a vida: a harpía da súa Muller, o cuñado deficiente
mental, as dúas amantes... As cousas vanse complicando e Corey non deixa de
enredalas aínda máis polo parvo e acomplexado que é... ou faise? Un libro
impactante, que non deixa indiferente, porque non todo é o que parece en Pottsville.
Existe unha versión cinematográfica, adaptada á realidade colonial francesa: Coup de Torchon (Bertrand Tavernier, 1981). Dobrada ao português como A Lei de Quem Tem o Poder e ao castelán como 1280 Almas.
Tamén existe desde 2013 a versión en banda deseñada, obra maxistral no seu xénero, animada polo célebre creador da serie policíaca Torpedo 1936, Jordi Bernet, e editada por Libros del Zorro Rojo.
Así pois, ánimo coa lectura da obra e, para falar sobre ela, quedamos o Mércores 14 de Maio ás 11:30 horas no IES da Terra Chá!
Así pois, ánimo coa lectura da obra e, para falar sobre ela, quedamos o Mércores 14 de Maio ás 11:30 horas no IES da Terra Chá!
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Que o blog estea vivo, depende de ti. Lembra: escribe ben, manteno limpo, mellórao coa túa aportación. Participa e fainos diferentes!
En Comentar como..., selecciona: "Nome/URL". Pon o teu nome, e deixa en branco o espazo de URL. Así todos saberemos quen somos!