marzo 04, 2019

Microrrelatos de amor

Xa metidos no Entroido, no Terra Chá fixemos entrega de agasallos ás autoras e autores premiados na convocatoria de microrrelatos de amor que este ano lanzou o EDLG.
"A partir da Candeloria, ningunha ave voa soa", di o refrán para lembrar que no mes de febreiro se inicia unha celebración ben especial, pois casan os paxariños e comeza o retorno das aves migratorias e dos galanteos, que preludian o renacer primaveral. Da importancia que ten esta representación na imaxinaría tradicional europea dá conta a multitude de estampas nas que, desde tempos inmemoriais, o símbolo do amor e a unión sentimental confórmano apaixonadas parellas de aves xuntando os peteiros. Pois ben, o noso recoñecemento agradecido ao alumnado de 1º, 2º e 3º ESO polo seu entusiasmo e participación. Velaquí tedes o resultado das deliberacións do noso xurado especial para este certame.

Día de casamento
O segundo día de febreiro
óense de lonxe as campás
e os piares alegres dos paxariños
a piques de casar.

Xa está todo a punto: 
as velas, o mantel,
o noivo, a noiva
e a emoción a flor de pel.

Logo disto comezará 
unha nova aventura, 
e construirán o seu propio niño
con amor e con tenrura.

Mira, aí está!
O señor cura xa chegou!
Agora xa podemos
dar comezo a esta unión!

Así, sen máis que dicir,
meus queridos paxariños,
deséxovos moita sorte
no voso novo camiño.
(1ºPremio: Cristina Pérez Amigo, 2ºESOB)

Micro
O home agarrou a súa muller colgando do cantil e ao subila caeu el. Todo por salvala.
(2ºPremio: Lucas García Barja, 1ºESO)

Cousas
Un día, na gran Terra Chá, mentres eu ía camiñando, vin a dous paxaros reñendo. Non sei polo que, pero a cousa non ía moi ben, chegou o punto no que un deles se alonxou do niño que había no toro do carballo e abandonou as crías de bubela.

De alí a uns días, volvín pasar, e estaban felices no seu niño, cousas de parella, pensei eu, porque un matrimonio de bubela un día chámanse de todo e ao día seguinte xa están a ben, mais agora que o penso, non son unicamente as bubelas, somos todos. 
(3ºPremio: Paula González Quiroga, 2ºESOB)

Soños
Acordei. Ela seguía nos meus brazos, durmindo. Era todo tan máxico que non sabía se vivía ou soñaba. 
(Accésit: Alejandra López Lamela, 2ºESOA) 







Ningún comentario:

Publicar un comentario

Que o blog estea vivo, depende de ti. Lembra: escribe ben, manteno limpo, mellórao coa túa aportación. Participa e fainos diferentes!
En Comentar como..., selecciona: "Nome/URL". Pon o teu nome, e deixa en branco o espazo de URL. Así todos saberemos quen somos!