abril 07, 2019

Pazos, condes e poetas

Como estar no ENDL ten premio, fómolo recoller este 26 de marzo a Monforte de Lemos. Tamén levamos connosco a Nati e a Ximena, e aos de 2º de Bac, que se nos van este ano os pobriños.

A nosa primeira visita foi ao Pazo de Tor, boa mostra da arquitectura rural pacega. As súas orixes remóntanse ao século XVIII e á liñaxe dos Garza, cuxa descendente Dona Mari Paz Taboada foi a última propietaria, e que ao morrer llo legou á Deputación de Lugo, establecendo algunhas condicións para o seu uso, como que debía abrirse gratuitamente a todos os monfortinos e que o mobiliario e a distribución dos obxectos e obras artísticas debían manterse segundo o establecido.

Está restaurada e pode visitarse a planta superior, residencia dos donos, e sen restaurar a inferior, vivenda dos criados e onde está a cociña, a adega, o tear e mesmo un pequeno calabozo. Percorrendo salóns, cuartos e até unha capela interior, descubrimos o "cuarto do bispo" ou "cuarto de convidados" que foi ocupado moitas veces polo poeta Uxío Novoneyra, e tamén vimos o comedor principal, onde hai unha colección de pezas da antiga louza de Sargadelos e un exemplar do mapa de Galicia de Domingo Fontán

No exterior, entre as dependencias e edificios anexos, hai restos dunha fragua, unha colección de antigas carruaxes, sillas de montar e sala de gornicións. E aínda que non accedemos a el, tamén nos chamou a atención o "labirinto" que se observa moi ben desde a marabillosa solaina da planta superior; feito de pedras ou chantos ubícase nesa zona de lecer e xardín para divertimento dos máis pequenos ou,  pensamos nós, tamén dos adultos.

En fin, unha viaxe ao pasado que nos permitiu imaxinar a vida dos señoritos dos pazos, o seu luxo, poderío, propiedade e a relación coa servidume. Recomendable para comezar a ler a obra de Otero Pedrayo.

Non marchamos sen lembrar á poetisa Luz Pozo Garza, ligada á familia Garza  por parte da súa nai e que recentemente publicou Pazo de Tor, poemario no que viaxa ás orixes familiares  neste edificio enclavado no val de Lemos.

A seguir desprazámonos á cidade de Monforte e fixemos un percorrido pola Praza da Compañía para observar o edificio de Nosa Señora da Antiga, considerado o Escorial galego e coñecido como Colexio da Compañía ou dos Escolapios. Pasamos pola Praza da Fontecha, onde está unha escultura de Manuel María, poeta que viviu nesta cidade moitos anos, e chegamos á praza onde está a Casa da Cultura que leva o nome doutro poeta monfortino, Lois Pereiro.

Pola tarde visitamos o Museo do Ferrocarril, onde se conserva material ferroviario de todo o século XX, do que resaltamos a locomotora Mikado ou un vagón de luxo construído todo el en madeira no País Vasco.





Ningún comentario:

Publicar un comentario

Que o blog estea vivo, depende de ti. Lembra: escribe ben, manteno limpo, mellórao coa túa aportación. Participa e fainos diferentes!
En Comentar como..., selecciona: "Nome/URL". Pon o teu nome, e deixa en branco o espazo de URL. Así todos saberemos quen somos!