No ano 1987 a produtora de vídeo Ophiusa acompaña a Díaz Castro polos
lugares emblemáticos do seu proceso vital e creativo. Así, Os Vilares, Mondoñedo,
Betanzos, Guitiriz,... desvélanse ante os nosos ollos a través da
mirada e da propia voz do autor que este ano, 27 anos despois, homenaxeamos. Toda unha testemuña de primeira man
da grandeza das cousas pequenas que tanto amaba o poeta.
Esta peza audiovisual, dirixida por Xulio Xiz, é unha
viaxe pola vida e a obra de Xosé María Díaz Castro que ten o valor
engadido de facerse da man do propio poeta, co que visitamos os lugares
onde transcorreron a súa infancia e mocidade e onde el mesmo nos recita
os seus textos máis significativos. Nese percorrido vital e literario,
Díaz Castro detense a sinalar as persoas e acontecementos que incidiron
na súa escolla do galego como lingua de expresión poética. No documental
tamén se fai referencia ao feito de que Díaz Castro chegase a dominar
case todas as linguas de Europa, feito que pode poñerse en paralelo con
esa escolla do idioma da súa infancia para a súa produción literaria
máis significativa. Gravado no ano 1987, o filme foi remasterizado para
celebrar este Día das Letras 2014, dedicado ao poeta de Guitiriz.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Que o blog estea vivo, depende de ti. Lembra: escribe ben, manteno limpo, mellórao coa túa aportación. Participa e fainos diferentes!
En Comentar como..., selecciona: "Nome/URL". Pon o teu nome, e deixa en branco o espazo de URL. Así todos saberemos quen somos!