xaneiro 11, 2020

Rosalía universal


Rosalía converteuse o pasado mes de decembro en universal, no sentido máis literal e fiel da palabra. A Unión Astronómica Internacional (IAU) anunciou, finalmente, que a estrela HD 149143 levaría o nome de Rosalía de Castro, así como o seu exoplaneta pasaría a se denominar Río Sar, río a carón do cal Rosalía viviu e escribiu boa parte da súa obra. 

Máis de 34.000 persoas participaron na votación online, e a opción de Rosalía foi claramente a máis apoiada entre a dúcea de nomes propostos, con case o 40% dos votos. O astro, parecido ao Sol, está na constelación de Ofiúco ou Serpentario e pode albiscarse cuns prismáticos. O seu planeta Río Sar foi descuberto aínda en 2015. A estrela Rosalía é, deste xeito, o segundo lugar fóra da Terra que leva o nome da autora galega, pois desde 1994 dálle tamén o seu nome a un cráter no planeta Venus.  


A obra de Rosalía é revolucionaria na forma pero tamén no fondo. O seu discurso, contrario a toda inxustiza, é inequivocamente feminista e audazmente ecoloxista na súa defensa e amor pola natureza, sempre presente na súa obra, igual que tamén se fan protagonistas a noite e os obxectos celestes. En definitiva, un tesouro cultural que traspasa xeracións e países, por iso Rosalía resulta sempre plenamente contemporánea e universal, permanecendo así de viva na sociedade actual.

Para sabermos máis:
>Fundación Rosalía de Castro. Casa de Rosalía
>Xornal Praza
>Informativos da TVG 
>GCiencia: xornalismo + divulgación
>Opinión en El Progreso por Mario Outeiro: "Unha estrela chamada Rosalía" 
>Últimas novas: "O satélite galego Lume-1 leva xa un ano en órbita con éxito"

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Que o blog estea vivo, depende de ti. Lembra: escribe ben, manteno limpo, mellórao coa túa aportación. Participa e fainos diferentes!
En Comentar como..., selecciona: "Nome/URL". Pon o teu nome, e deixa en branco o espazo de URL. Así todos saberemos quen somos!