outubro 24, 2022

Isaac Xubín falou no noso instituto




Este 24 de outubro recibimos unha visita ben especial en Castro. Pensamos que convidabamos (non é precisamente pouco!) un escritor e tradutor abondo recoñecido dentro e fóra das fronteiras da República galega das letras... e resultou moito máis. 


Isaac Xubín compareceu ante o alumnado de 1º e 2º de Bacharelato acompañado da súa equipaxe vital, que expuxo de forma áxil e amena mudando de asunto en asunto, de paixón en paixón, sempre co literario e o poético ao fondo da totalidade das experiencias. Deulle para fiar temas tan aparentemente afastados coma a fundación en Sheffield -onde agora reside- do primeiro club de fútbol e a beleza que debe conter un teorema matemático.

Habitar varios lugares coas súas respectivas linguas foi, de xeito simultáneo, unha condición particular do seu periplo como persoa e unha elección consciente. Isaac (que podería ternos falado en inglés, francés, catalán, éuscaro ou irlandés) ten recibido premios en calidade de tradutor, poeta e novelista, pero é que ademais semellou dispoñer dun tempo extra con respecto ao común dos mortais porque aínda lle deu para xogar ao rugby -ou ao fútbol gaélico-, estudar matemáticas, deterse con amoroso coñecemento en diversas gastronomías de Europa e mesmo facer as beiras á música; de feito regalounos unha canción para poñer o ramo á súa conferencia.

Para o IES da Terra Chá sempre será unha honra recibir humanistas do talle de Isaac Xubín, escritor pertencente a ese selecto grupo que é quen de transmitir de forma sinxela, sen perder profundidade, o que significa apostar pola creación no medio da barbarie que parece dominar o mundo. Moitas grazas, Isaac, benvido á comarca!

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Que o blog estea vivo, depende de ti. Lembra: escribe ben, manteno limpo, mellórao coa túa aportación. Participa e fainos diferentes!
En Comentar como..., selecciona: "Nome/URL". Pon o teu nome, e deixa en branco o espazo de URL. Así todos saberemos quen somos!