marzo 12, 2015

O barómetro Calvet

No mundo hai máis de 5.000 linguas. Só un 10% delas, concretamente  563, teñen máis de medio millón de falantes. O barómetro Calvet consiste nunha avalición da vitalidade destas linguas. En que posto estará o Galego?
O barómetro clasifica as linguas atendendo a 11 parámetros. Entre eles está o do número de falantes. De atendermos únicamente a este criterio, colocariámonos no posto 192, e a primeira lingua de todas sería o Chinés Mandarín. Agora ben, se no barómetro nos valoraran tendo en conta só a vitalidade da tradución entre Galego e outras linguas, o número de entradas na wikipedia, a penetración de internet e o noso desenvolvemento social, ascenderíamos ate o posto 30.
Outros parámetros a ter en conta para a elaboración do barómetro son, por exemplo o rango de oficialidade da lingua ou a entropía, un concepto que ten que ver coa probabilidade de atopar a algún falante desa lingua en países estranxeiros.

Finalmente, é unha fórmula matemática a que pondera todos os ítems avaliados e a que nos ofrece a clasificación final. Na páxina do barómetro Calvet temos a posibilidade de cambiar a ponderación de cada un dos parámetros e recalcular así a clasificación. Precisamente iso foi o que fixen para obter os postos para o galego sinalados nos parágrafos anteriores. De non variarmos esta ponderación, o barómetro ofrece para o Galego un honroso posto 49, un pouco por encima do Euskera, situado no posto 51. As tres linguas situadas nos postos inmediatamente superiores son o Occitano, o Lituano e o Ucraíno.
O Galego aparece en mellores posicións que algunhas linguas que se falan na Europa, como o Flamenco, o Galés ou o Bretón. Tamén ten mellor puntuación que linguas, como o Xavanés, que conta con máis de 84 millóns de falantes.
[tirado de:  
Carta Xeométrica, blog persoal de Cibrán, profesor de Matemáticas n'A Estrada]

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Que o blog estea vivo, depende de ti. Lembra: escribe ben, manteno limpo, mellórao coa túa aportación. Participa e fainos diferentes!
En Comentar como..., selecciona: "Nome/URL". Pon o teu nome, e deixa en branco o espazo de URL. Así todos saberemos quen somos!