marzo 19, 2015

Un mundo de orquestras

Non se trata de filharmónicas ou sinfónicas, senón das orquestras de verbena, festa e folión, desas que inzan polo país, até o punto de se considerar un sector que emprega a máis de 4.000 persoas e move cada ano case 30 millóns de euros.

Son moitas as axencias de contratación, as comisións de festas e os catálogos de nova tempada que agora, nesta fin de semana de San Xosé e San Lázaro, comezan a rular para non parar durante os vindeiros 6 ou 7 meses. Hainas para todos os públicos e posibilidades recadatorias, mais o feito é que ninguén quere quedar sen unha delas o día do patrón ou da romaxe. O 65% dos galegos asiste a verbenas protagonizadas por orquestras, avantaxando ao cine como hábito cultural.

Promociónanse pola Rede e procuran alimentar o seu público, tan nutrido da xente máis nova como da máis madura. Entre elas, hai fenómenos de masas, como a Panorama, a París de Noia, a Olympus, e outros máis exclusivos ou ligados a casuísticas diversas. Como exemplo de permeabilidade entre o mundo das orquestras e as redes sociais, os videoclips parodia da Páramo Pictures, dos que xa temos falado aquí, e que todo o mundo agarda con impaciencia, ou mesmo pelexa por participar neles. Éxitos seguros que rendabiliza a orquestra Costa Dorada. O último e polémico clip de Enrique Iglesias foi ao momento parodiado e xa visitado por case 300 mil internautas; desta volta, con crítica política incluída (ver a partir do minuto 5:12):

Para sabermos máis:

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Que o blog estea vivo, depende de ti. Lembra: escribe ben, manteno limpo, mellórao coa túa aportación. Participa e fainos diferentes!
En Comentar como..., selecciona: "Nome/URL". Pon o teu nome, e deixa en branco o espazo de URL. Así todos saberemos quen somos!