novembro 22, 2014

Necroturismo




Este mes de Santos ou Defuntos pode ser unha data propicia e axeitada para falar de cemiterios e camposantos emblemáticos. Por exemplo, os cemiterios neogóticos da Terra Chá, visitados e loubados polos foráneos, mais ignorados e esquecidos por nós, os chairegos, que non aprendemos aínda a ver os cemiterios con outros ollos.

Lugares que están a se converter en atractivo turístico, o coñecido como “necroturismo”, que xa conta cunha grande tradición en toda Europa, pero que na nosa terra aínda está a dar os seus primeiros pasos. E é que os cemiterios galegos póñense de moda. A propia TV quixo achegarse a esta realidade dos espazos sagrados con historia, ás veces dobremente secular, que gardan soterramentos de personaxes destacados das nosas letras; Eduardo Pondal, Manuel Murguía, Curros Enríquez e Wenceslao Fernández Flórez no de San Amaro d'A Coruña, por exemplo. Cemiterios situados privilexiadamente ou convertidos en obras fundamentais de importantes arquitectos, como o de Fisterra, deseñado por César Portela, e que acumula desde a súa construción numerosos premios e galardóns a nivel mundial.

Finalmente, o programa fai un percorrido nocturno polo cemiterio de San Froilán en Lugo, que se está a promover como un elemento máis do patrimonio da cidade, dada a riqueza das construcións funerarias que alberga o tal recinto e en consoancia coa progresiva desaparición do tabú supersticioso que pesa sobre os lugares de enterramento.

Se queredes botarlle unha ollada ao programa emitido o día 1 deste mes:  Vivir Aquí da TVG

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Que o blog estea vivo, depende de ti. Lembra: escribe ben, manteno limpo, mellórao coa túa aportación. Participa e fainos diferentes!
En Comentar como..., selecciona: "Nome/URL". Pon o teu nome, e deixa en branco o espazo de URL. Así todos saberemos quen somos!