novembro 25, 2014

Posesións para un esquecemento



A colonización

   'A colonización ao principio era un misterio..., así comezou o seu relato Dionisio, o meu tío avó, colono en Castro Ribeiras de Lea. A primeira fotografía que debuxei foi a dun home, no inmenso solpor da Chaira, nunha pista recentemente aberta, volvendo só á casa cunha vaca pola corda. Ningunha das dúas sería súa en anos e non tiña nin idea de como ían saír adiante. Falou e falou dos sobrecustes dos favores, da inxustiza na repartición do común e deste país que se foi inventando un futuro provisional e segue a facelo do mesmo xeito. Eu quedo cos repolos. Si, con aqueles que foron procurar a Betanzos nun tractor a noite antes de que o Caudillo viñese visitar a casa-piloto. 
 Lucían frescos na terra erma coma as casas brancas da Costa Moura.'










  Veciño da vila de Castro, Daniel Díaz Trigo, practicou neste traballo unha especie de fotografía esencial, tratando de captar a alma do que foi (ou aínda é) o particular universo da Terra Chá de Castro de Rei na segunda metade do século XX. Un exercicio exquisito de fotografía, lirismo e introspección, onde o artista se procura a si mesmo entre os fragmentos daquel mundo que o conformou e o viu medrar. 
‘Estas fotografías falan fundamentalmente da emoción da ausencia, do significado do silencio, das voces que xa non se oen, dos recordos que xa non se entenden…’, en palabras do propio autor.
Daniel Díaz Trigo ten a capacidade de captar ese vencello primixenio entre terra e home, coincidindo así asombrosamente coa poesía de Manuel María, mais non só a través da súa fotografía debuxada, senón tamén dos seus textos, que nos revelan efectivamente unha nova vea, esta vez literaria, no seu proceso creativo.
En definitiva, un proxecto no que Daniel Díaz Trigo levaba argallando durante máis de sete anos e que reúne documentación, experimentación, creación e conceptualización. Así o entendeu o xurado que lle concedeu o I Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, certame organizado polo Outono Fotográfico, Festival Galego de Fotografía, decano da península ibérica, que chega agora á súa 32ª edición.  
Podedes ver aquí a entrevista ao autor feita no programa ZigZag da TVG.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Que o blog estea vivo, depende de ti. Lembra: escribe ben, manteno limpo, mellórao coa túa aportación. Participa e fainos diferentes!
En Comentar como..., selecciona: "Nome/URL". Pon o teu nome, e deixa en branco o espazo de URL. Así todos saberemos quen somos!