febreiro 13, 2015

Lingua de namorar

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) presenta a campaña Fain@ gozar coa lingua, vinculada á plataforma dixital en liña Agasallo.eu, co obxectivo de relacionar o galego co amor e promover a escolla dos agasallos destes días de namorar tendo en conta a nosa lingua. A Coordinadora convídanos a todas e todos a difundirmos a iniciativa a través das redes sociais e a visitar a plataforma Agasallo.eu para escoller alí o regalo que considerarmos máis acaído e festexar así o vindeiro 14 de febreiro.
Ademais, tamén creou en Facebook o evento Fasme gozar coa lingua?, coa finalidade de que, quen queira, se una a el e convide a quen lle gustaría que este 14 de febreiro o/a faga gozar coa lingua... cunha sorpresiña de Agasallo.eu, por suposto. 

Pola súa banda, a Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de organizar un concurso denominado, precisamente, lingua de namorar, co obxectivo de promover o uso do galego nas relacións persoais de mozas e mozos, así como nas novas tecnoloxías. Un concurso en liña de mensaxes de amor na nosa lingua. 
O prazo para enviarmos mensaxes remata o domingo 22 de febreiro. Porén, quen prefira non escribir aínda que si espiar o que os demais envían, ou simplemente buscar inspiración, terá desde o 23 ao 27 tempo de ler as mensaxes e votar polas súas favoritas, para o que se habilitará un formulario ao efecto.Toda a información aquí.

Non en balde o noso idioma foi a lingua das orixinais e peculiares Cantigas de Amigo, composicións narrativas sempre postas en boca dunha muller, onde a amante suspiraba polo seu amado.
—Ai flores, ai flores do verde pino,
se sabedes novas do meu amigo!
ai Deus, e u é?


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Que o blog estea vivo, depende de ti. Lembra: escribe ben, manteno limpo, mellórao coa túa aportación. Participa e fainos diferentes!
En Comentar como..., selecciona: "Nome/URL". Pon o teu nome, e deixa en branco o espazo de URL. Así todos saberemos quen somos!