novembro 15, 2018

Ciencia en galego

Con motivo do mes da ciencia en galego, máis unha vez vos deixamos coa entrada que o blogue Carta Xeométrica fixo para a ocasión. 

No Colexio Lestonnac de Ferrol volven repetir dando na diana con outro audiovisual encantador para celebrarmos o Día da Ciencia en Galego. Lembremos que hai un ano publicaran un vídeo sobre a Física e Química e outro sobre as Matemáticas.

Precisamente hai uns poucos días presentábase a Guía dos elementos químicos. Historia, propiedades e aplicacións, editado polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, de Ana María González Noya, Marcelino Maneiro Maneiro e Manuel Bermejo Patiño. Por culpa da nefasta política lingüística que impón o castelán no ensino da Física e a Química, este manual non pode ser utilizado no seu lugar natural, as aulas. En consecuencia a guía só pode abrirse baixo a ameaza dun decreto que actúa contra o galego.

Coma se fose un enterrador que quer asegurarse de que o morto non vai saír da súa tumba, Valentín García oficiou como mestre de ceremonias na presentación da guía. Ben podía levarse todos os exemplares para a súa casa, quizais así durmira máis tranquilo.

Así mesmo, unha gorentosa edición, tamén do Centro Ramón Piñeiro, dun libro divulgativo sobre o mesmo tópico, O nome e o símbolo dos elementos químicos, de M.R. Bermejo, A.M. González Noya e M. Vázquez pode descargarse aquí.


Para sabermos máis:
-GCiencia O portal da ciencia galega.
-Mes da Ciencia en Galego 2018 Bibliotecas escolares.
-Ciencia Nosa Innovación docente en didáctica e divulgación científica.
-Igaciencia A prol da ciencia en galego e do galego na ciencia.

1 comentario:

Que o blog estea vivo, depende de ti. Lembra: escribe ben, manteno limpo, mellórao coa túa aportación. Participa e fainos diferentes!
En Comentar como..., selecciona: "Nome/URL". Pon o teu nome, e deixa en branco o espazo de URL. Así todos saberemos quen somos!