novembro 21, 2018

Tecendo lazos


Si me quieres, quiéreme entera,
no por zonas de luz o sombra...
si me quieres, quiéreme negra
y blanca. Y gris, y verde, y rubia,
quiéreme día,
quiéreme noche...
¡Y madugada en la ventana abierta!
Si me quieres, no me recortes:
¡quiéreme toda... o no me quieras!


Dulce María Loynaz

[por Elba Cancio Villamarín]

Hoxe, nos días previos ao Día Internacional de Eliminación da Violencia contra as Mulleres, eiquí estamos de novo, poñendo voz e presenza a moitas outras voces que calan, para, novamente, dicir NON, pero un NON demoledor, contundente, definitivo, contra a violencia que sofren, que sufrimos as mulleres a diario. Para dicirmos que basta xa, que xa abonda de titulares espeluznantes, de cifras tinguidas de sangue, de golpes, de dor, de sufrimento, de baleiro legal e emocional, de abandono, de silencio. 

Pero tamén de burlas, porque a burla tamén é violencia. 

O control do tempo, do entorno, do móbil, da roupa,... é violencia. 

O baleiro, o silencio, a invisibilidade,... é violencia. 

A presión sobre as decisións das mulleres sobre o seu propio futuro persoal, familiar, laboral,... é violencia. 

A esixencia silenciosa de cumprir con estereotipos estéticos, familiares, sociais,... tamén é violencia. 

Cada vez que calamos, cada vez que lle restamos importancia a unha queixa... Somos cómplices. 

Cada vez que rimos un comentario inapropiado, cada vez que cimentamos os estereotipos que herdamos con comportamentos pouco respectuosos co fin de reafirmar unha falsa aceptación social... Somos cómplices desa violencia calada, soterrada, que xa dura demais.

Precisamos tecer lazos entre as persoas que, independentemente do seu sexo, cren no feminino, que queren o feminino como parte fundamental da esencia dos seres humanos. Por iso estamos novamente aquí, ano tras ano aquí, porque aínda temos moito por facer. Así que comecemos. Dende a proximidade diaria, comecemos. Entre todas e todos, comecemos a alicerzar unha nova complicidade: a das que dicimos NON. A dos que non permitimos que ningún ser humano "recorte", como escribiu Dulce Mª Loynaz, a liberdade, a integridade e a dignidade de ningún outro ser humano.











Ningún comentario:

Publicar un comentario

Que o blog estea vivo, depende de ti. Lembra: escribe ben, manteno limpo, mellórao coa túa aportación. Participa e fainos diferentes!
En Comentar como..., selecciona: "Nome/URL". Pon o teu nome, e deixa en branco o espazo de URL. Así todos saberemos quen somos!