novembro 22, 2015

Chus Pato

A voz poética de Chus Pato soa xa xunto á de T. S. Eliot, Seamus Heaney, Borges, Elizabeth Bishop ou Kerouac. A creadora ourensá vén de sumarse á listaxe de gravacións de grandes figuras das letras universais convidadas á Woodberry Poetry Room, o que a converte na primeira poeta da nosa terra que leva a lingua galega a este emblemático espazo. 

Pato recitou xunto a Erin Moure, con quen asina Secession-Insecession. Nesta obra, Moure, tradutora canadense de orixe galega, non se limita a verter ao inglés os poemas de Pato, senón que engade versos propios a modo de eco e homenaxe aos da nosa Chus Pato.

O poemario Secesión xa fora publicado no noso país en 2009 por Galaxia, mais desde 2014 ten unha nova vida: Secession-Insecession, obra publicada nese ano por unha editorial canadiana, camiño xa Chus Pato dos 5 poemarios editados en inglés.

O novidoso do asunto é que a tradutora, Erin Moure, autora dun importante traballo a prol da visibilización da cultura galega no mundo anglófono, non só traduciu o poemario, senón que tamén escribiu por cada un dos poemas un novo texto da súa propia autoría. Isto interpretouse como unha proposta de tradución moi innovadora. Para alén diso, Moure manifestou a súa sintonía con Pato, mulleres da mesma idade e xeración, separadas por un océano e culturas distantes, Ourense e Calgary, mais unha idéntica vivencia da infancia, da paisaxe, da lingua, do pasado e da terra.

O poemario será libro de lectura este curso no Seminario de Tradución de Harvard, velaí a razón pola que as dúas autoras foron convidadas a finais deste Setembro a recitaren xuntas Secession-Insecession na Woodberry Poetry Room, nun acto que se pode ver nesta ligazón.

[Nerea Magide Pásaro]
Para sabermos máis:
Praza.gal 
Trafegando ronseis 
Academia.gal
Tamtam Press

2 comentarios:

Que o blog estea vivo, depende de ti. Lembra: escribe ben, manteno limpo, mellórao coa túa aportación. Participa e fainos diferentes!
En Comentar como..., selecciona: "Nome/URL". Pon o teu nome, e deixa en branco o espazo de URL. Así todos saberemos quen somos!