marzo 30, 2017

Oito apelidos galegos

Desde a centuria de 1500, como sabemos, o galego viuse desprazado da escrita. Unha das consecuencias foi que, de maneira máis ou menos consciente, os nomes propios, topónimos e antropónimos, comezaron a ser modificados e asimilados ao castelán. Cara a finais desa centuria iniciouse a práctica dos rexistros escritos (primeiro os relixiosos, desde o Concilio  de Trento, e despois os civís), o que lle deu carta de natureza aos erros e depurpacións de nomes, apelidos e topónimos.
 
Dado que os nomes van cambiando de xeración en xeración, os antigos nomes de pía que aparecían acotío nos documentos medievais (Afonso, Lopo, Nicolao, Johán, Einés, Moor, Mariña, Esteveíña, Tereixa, Xemena…), foron sendo substituídos polas novas devocións propugnadas pola Igrexa católica. Aqueles que se mantiveron empezáronse a impoñer na  súa forma castelá. Así que o corpus dos nomes propios pasou a consignarse de maneira case exclusiva en castelán.

Mais cos apelidos, que xa eran hereditarios, non sucedeu o mesmo. En realidade, modificalos ou respectalos dependía en boa medida da vontade do escribente: algúns sufriron un maior proceso de deturpación ca outros, e non hai constancia de que acontecera de maneira significativamente diferente nunhas áreas ou noutras.

Como esta parte da onomástica persoal non pode ser regulada polo dereito público, pois pertence ao dereito privado, han ser os propios particulares os que procedan á restitución dos seus apelidos ou á recuperación dos seus nomes propios. A Real Academia Galega acaba de publicar un repertorio de 1500 apelidos coa súa forma xenuína galega, que facilita que poidas recuperar administrativamente o teu nome familiar. Feixoo, Hedreira, Ermida, Monteiro, Reixa, Seixo, Vale, Vilamarín, Sanxurxo ou Xegunde, son formas propias que temos dereito a recuperar. Agora a Xunta difundirá este libro e entregarao en cada rexistro civil para que sexa publicación oficial de consulta.


Para sabermos máis:
Apelidos de Galicia Información de máis de 5.000 apelidos.
Cartografía dos apelidos de Galicia Máis de 9.000 apelidos con base no censo de 2001.
INE Apelidos e nomes máis frecuentes en España.
Na Galipedia: Antroponimia , Apelido 
IGE Distribución municipal dos apelido.
Mesa pola Normalización (MNL) A caixa dos apelidos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Que o blog estea vivo, depende de ti. Lembra: escribe ben, manteno limpo, mellórao coa túa aportación. Participa e fainos diferentes!
En Comentar como..., selecciona: "Nome/URL". Pon o teu nome, e deixa en branco o espazo de URL. Así todos saberemos quen somos!