Ler en vacacións?..., co que hai que facer!
Pois ben, aquí tedes unha reflexión ben bonita de ler sobre a lectura (Ler é unha batalla Voz de Galicia, 28-06-2015), e un vídeo-aperitivo para petiscar en Arraianos, do académico da RAG Xosé Luís Méndez Ferrín, vídeo feito polo noso xa vello coñecido Sebas G. Mouret, que mantén, entre outras, a súa canle en galego: o rocho das ideas.
"Non sei como será a experiencia lectora dos demais. Cada quen ten a súa, e con ela unha maneira diferente de enfrontar un novo libro ou un novo artigo. A min gústame seguir as recomendacións dos amigos e Xulio dinos que a maioría das veces a aproximación ten o proceso propio dos preámbulos dunha batalla, cos seus espías e as súas avanzadas, con campañas de creto e descrédito que preparan ó lector e o animan a abocar o conflito que se lle brinda.
Primeiro alguén chegou co ruxerruxe
daquel libro, cunha opinión lanzada ó chou, cunha crítica, cunha lectura
entendida ou cunha dúbida, tal vez facéndose eco dunha reseña impresa
que anima ó lector a acercarse a unha libraría e preguntar por iso que
unha voz fiable asegurou como necesario ou convinte, e entón empeza a
aproximación clandestina, unhas veces a través dos escaparates, mirando
disimuladamente a capa do libro, e case sempre coa timidez que impón o
descoñecemento da obra, ollando unha e outra vez o deseño da cuberta
como se fose o espello da súa alma ata que algo te anima a entrar e
preguntar por el, e aínda con el na man, sentindo o seu peso físico, mírase con sorpresa, receo ou indecisión, dándolle a volta para ler a
contracapa, unha páxina calquera do medio ou a biografía do autor por se
é de fiar ou non; e ás veces animado pola complicidade do libreiro, que
tal o socio dun contubernio secreto bísbache ó oído as virtudes ou
maldades do libro, vas cara a caixa rexistradora decidido a posuílo e
meterlle o ollo, talvez aínda dubidando de se serías timado ou non, ou
se o prezo será adecuado ás expectativas. Nese intre, aínda na libraría,
xa se crea unha especie de sociedade secreta en que se debate se o
libro ha de seguir con bo pé polos mal acondicionados sendeiros da
lectura.
Xulio chegou en plan bélico, e cando
lle digo que tamén pode establecerse unha relación de amor-odio propia
de calquera parella, el segue coa súa exposición: Agora
xa tes contigo a ese ser que non sabes se has de amar ou odiar. Ese ser
que de súpeto se converte nun intermediario entre lector e autor, que
tanto pode acercar o entendemento entre ambos como a discrepancia máis
feroz (e neste punto non lle confeso que teño por inimigos a autores con
quen nunca crucei unha palabra). Pero antes de chegar a estes estremos,
terás que lidar co volume a mente descuberta, e tantas outras veces
armado de lapis e cuartillas onde anotar ideas e ditos que será obrigado
comprobar e meditar. Mais, como queira que sexa, para tan delicado
enfrontamento, antes de empezar a ardua batalla, o lector ha de escoller
o lugar da contenda -di Xulio-, o campo da lide, como escollían os
exércitos románticos, pelexando a campo aberto e cara a cara, sen máis
testemuña nin escudo que as propias convicións, o lector e o escritor,
libro de por medio, combatendo ideoloxicamente, cedendo e avanzando,
golpeando ou acariñando, arredado de ruídos e influencias que poidan
obrigar a perder a atención, xa sexa no sofá de orelleiras do salón da
casa, na hamaca do xardín ou nun lugar con amplas vistas ó horizonte
para podermos descansar a vista mentres se reflexiona a conclusión de cada
capítulo.
Está claro que para Xulio, o único
intelectual do noso parladoiro, ler é unha lide en que cada segundo e
cada palabra proporciona un avance que anuncia prosperidade. O lector
pode renderse desde a primeira páxina aceptando as propostas do autor,
pero tamén pode modificar a propia opinión a medida que a lectura
avanza, pode mesmo non encontrar nada que o convenza ou que lle aporte
novidades, ou renderse e abandonar as teses expostas, como pode rematar a
lectura condenando o libro ó ostracismo, pero, gañe quen gañe -asegura
Xulio-, o libro que convence ó lector ou o lector que non se convence co
alí escrito, o final sempre será un paso cara adiante. Será unha
batalla contra o tedio, contra a orde dada, contra o mandamento, a lei
ou a obrigación. Ler é unha loita de superación que trata de contrastar
opinións e deixarse convencer ou contraatacar deostadamente. Ler é un
acto bélico sen armas, pero si con moita loita ideolóxica, suor e bágoas
que nos permiten ser máis modestos e máis seguros de nós mesmos.
E ó final, digan o que digan, e venza
quen venza, nesta batalla sempre gañan os dous bandos, o do lector e o
do autor, asegura Xulio, quen non nos dixo o que está lendo nestes días
para vir con estas ideas."
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Que o blog estea vivo, depende de ti. Lembra: escribe ben, manteno limpo, mellórao coa túa aportación. Participa e fainos diferentes!
En Comentar como..., selecciona: "Nome/URL". Pon o teu nome, e deixa en branco o espazo de URL. Así todos saberemos quen somos!