Roubámoslle hoxe a Moedas para Caronte, (un blog para compartir as clases e a vida; visitádeo, non defrauda), algunhas palabras ben sabias sobre os refuxiados e o holocausto que perpetramos as sociedades europeas día a día, tamén durante estes temporais de invernía de febreiro.
Fixádevos na impresionante imaxe de Massimo Sestini, elixida segunda mellor fotografía no World Press Photo de 2015. Abrídea e atrevédevos a facer zoom. Reparade nos xestos, nas caras, nas emocións... Buscade os nenos.
Subídevos por uns segundos a ese bote. Así, como ides agora, co posto.
Sen máis equipaxe que as ganas de fuxir de onde a vida non vale nada, co único afán de poder traballarte un futuro onde che deixen.
Sestini conxelou este instante preto da costa de Libia,
cando unha fragata da mariña italiana, en plena operación de
vixilancia, acudía ao rescate da embarcación. Foi hai xa máis dun ano. A operación chamábase Mare Nostrum, e con ela Italia propúxose evitar, ela soíña, que o Mediterráneo se convertese nun xigantesco cemiterio de inmigrantes e refuxiados
desesperados por pisar Europa. E conseguiuno. Durante o 2014 lograron
rescatar máis de 170.000 vidas. Ata que de súpeto, plof! Os cartos
acabáronse e Italia negouse a seguir abordando soa un problema que é de
todos. Desde entón a Unión Europea, experta en mirar para outro lado, non fai máis que poñer tiritas mentres o drama prosegue, para vergoña desta humanidade incapaz de coidar dela mesma.
Para os telediarios, hoxe, isto será outro naufraxio dunha patera. Pero é mentira; a realidade é que isto é o naufraxio da humanidade.
Para sabermos máis:
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Que o blog estea vivo, depende de ti. Lembra: escribe ben, manteno limpo, mellórao coa túa aportación. Participa e fainos diferentes!
En Comentar como..., selecciona: "Nome/URL". Pon o teu nome, e deixa en branco o espazo de URL. Así todos saberemos quen somos!