febreiro 09, 2017

Transformando pesimismo en poesía



Daniel Irimia, 3º premio de poesía Díaz Jácome
O pasado 10 de decembro entregábanse en Mondoñedo os premios aos gañadores do XVII Certame de Poesía Díaz Jácome para novos creadores. O noso antigo compañeiro Daniel Irimia Yáñez (Momán - Cospeito, 1995) levaba o 3º premio coa obra "Resoar de amor e morte". Velaquí estas fotos pondalianas e a exclusiva entrevista que lle fixo outra poeta desta casa: Tamara Fernández Labrada
 _____ . _____ 

Cando e por que comezaches a escribir poesía?
O verán pasado, a finais do mes de agosto ou así. Foi un modo de transcribir un sentimento, tres en concreto, que son amor, morte e combate. 
Por que escolliches a poesía?
Porque creo que é o xénero que mellor transcribe o sentimento en forma de letra, creo que podes expresar calquera tipo de sentimento sen que sexa moi monótono. 
Como decides presentarte ao certame?
Por comprobar se sabía escribir poesía, dicíame a min mesmo “hoxe fixen un bo poema”; pero ao mellor non era valorado. Non hai ningún incentivo para escribir poesía fóra deses premios literarios, nin a xente nova ten ningún incentivo para escribir poesía ou para sacar o que escriben á luz, tanto por parte das editoriais como por parte do goberno ou por parte de calquera medio. En xeral a cultura non se valora, semella que interesa máis desculturizar  que enriquecer a cultura. 
Se non foses premiado deixarías de escribir?
Non, eu tiña claro que ía publicar algo nalgún momento e vouno facer… ao mellor é pronto pero bueno… eu tiña claro que non ía deixar de escribir poesía basicamente porque a xente da que me rodeei é poeta ou gústalle a literatura.


Estase deixando de producir poesía para nenos; os poetas de agora parece que compoñen nas alturas, tentando comunicarse entre eles e iso non pode ser, hai que comunicarse coa xente.






Cal foi o primeiro libro de poesía que liches?
“Os eidos” de Uxío Novoneyra.
Cal é o teu libro preferido?
Teño moitos…, o meu preferido pola escrita, o ton e porque me resulta moi próximo á realidade que houbo nalgún tempo na miña familia e agora xa non hai, é “Cabalgada na brétema” de Darío Xohán Cabana, un dos primeiros que lin; o segundo pola súa temática “Poesía última de amor e enfermidade” de Lois Pereiro; e o terceiro, aínda que estou rematando de lelo, é “Duración da penumbra” pola altura que mostra, do meu camarada Miguel Anxo.
Tes algún autor preferido?
Si teño catro, non che podo dicir un só, son as catro columnas mestras Manuel María, Celso Emilio Ferreiro, Uxío Novoneyra e ManuelAntonio. Despois o albanel é Xabier Cordal e a pedra é Darío Xohán Cabana.
Que libro de poesía lle recomendarías á xente que vai ler esta entrevista?
Para 1º/2º de ESO “Os soños na gaiola”.
Coido que a poesía que se está creando agora, é poesía unicamente de altura, e estamos perdendo a base; estase deixando de producir poesía para os nenos. Estase perdendo a base na nación, os poetas que compoñen agora parece que compoñen nas alturas tentando comunicarse entre poetas e iso non pode ser, hai que comunicarse coa xente. Ademais cando só o 5% dos nenos que nazan en Galiza falen galego, podemos ir buscándolle outro nome ao país.
Para 1º/2º de BAC “Cómaros verdes” por suposto, “Os Eidos” e claramente “Longa noite de pedra”. 
E para os profesores que nunca leron poesía?
Pois un poemario que está ben é “O libro do egoísta” de Iolanda Castaño ou tamén, “Máscaras de espellos” de Raúl Gómez Pato, que por certo é un libro ben dixerible.

Diríalles que comezaran primeiro de nada a ler; a ler autores galegos pero tamén de fóra. Se para min a poesía é a creación dun baluarte contra o abismo, que eles intenten tamén facer algo coa súa vida.


Cres que a poesía está encadrada como elitista?
Si, evidentemente si. Creo que a sociedade ten a conciencia de que quen é un poeta é un home raro, un tolo (Como dicía Marica Campo no seu poema: “Confeso que estou tola”), considérante un Vicente Risco da vida.
Vicente Risco foi cofundador das Irmandades da Fala, cando xurdiron estas había dúas correntes, a de Lois Peña Novo de Vilalba e a de Vicente Risco; este último pretendeu recrutar a xente máis sabia e intelixente daquel momento. Para entendérmonos, tentou crear unhas Irmandades da Fala de listos, sabendo que eran un medio de intervención sociocultural e político onde cabía calquera persoa que desexase mellorar a conxuntura daquel momento.
Isto último fáiseme coñecido, ao fin e ao cabo semella que non cambiaron tanto as cousas e mira que xa van 100 anos...
Que consello lle darías ás persoas que se interesaron pola entrevista e a están lendo?
Recomendaríalles que comezaran primeiro de nada a ler, a ler autores galegos pero tamén autores de fóra, franceses e ingleses. Por exemplo a Pablo Neruda.
Tamén lles diría que se para min a poesía é a creación dun baluarte cara o abismo, que eles intenten facer algo coa súa vida.
Dicía Lois Pereiro que a poesía é un modo de fuxir da barbarie, entón, que eles tamén fuxan da barbarie e que o fagan por calquera medio literario. 
Dixeron que na entrega de premios se sorprenderan porque es biólogo. Que pensas sobre a crenza de que só poden ser escritores os estudantes de letras?
Que están totalmente equivocados, a xente que pensa iso cre que os científicos, ao teren un idioma moito máis obxectivo, non poden ser panteístas; ou, sendo máis claro, que non dominan o idioma coma a xente de letras. É un mito, eu creo que para poder escribir en galego só fai falta querer, ou, para poder escribir ben, nacer con el nos dentes...
Creo que se están a dar casos de xente que estuda ciencias e se pasan á palabra literaria porque esta xente é capaz de comprobar o pesimismo da realidade e transformalo en poesía. O meu caso é un exemplo moi claro, eu vexo que o mundo está, falando mal: coma o puto cu, vexo que cada día sobe 0,001 ºC a temperatura da terra e non sobe o da vergoña…, entón que fas? Pois atopas un medio de transferir e rescatarte, que no meu caso, é a poesía.
Hai algunha relación entre o que estudas e o que escribes?
Hai relación na liña en que todos estes poetas da Terra Chá crearon unha cultura literaria entorno á paisaxe e á paisanaxe, entón eu son biólogo e as miñas fontes de inspiración son a vida, os libros e a natureza que xorde da terra, entón si, ten relación. 
A quen lle adicarías os teus éxitos?
Moi claramente a tres persoas:
Unha, a quen coñecín e que grazas a el estudei o que estudei, refirome a meu avó; hai veces, corríxome, moitas veces, que penso nel e digo, carallo son igual ca el, é dicir: un cabezón, un vello verde, quéntome vendo a certa xente que sae na tele..., porque resulta que agora, mentres xanto, vexo o Telexornal e non os Simpson… Como cambian as cousas! Antes enfadábase comigo porque lle cambiaba a canle para velos e agora son eu o que pon o Telexornal… Manda carallo! Enfín, seguro que se vivira, e non sufrira certa enfermidade que lle fixo esquecer ata os movementos do xadrez (e mira que os dominaba o cabrón), aínda estaríamos discutindo sobre a necesidade do lobo e dos miñatos na nosa Terra! E estaría ben contento de discutir con el porque as persoas coas que se discute adoitan ser coas que tés máis confianza. Ademais agora podería argumentarlle mellor... [Risas]
As cousas boas que teño del non me toca a min dicilas, pero farían falla 50 entrevistas máis para citalas todas.
En segundo lugar á xente que me rodea. [Mirando aos seus amigos
En moi terceiro lugar e para o último porque non me interesa adicarlles agora nada do que faga a eles porque  penso que é moi vadío: a meus pais. Non me interesa adicarlles uns poemarios que sexan pouco ricos, prefiro facer un poemario que me leve cinco anos e despois tería razóns para adicarllo á xente que mo deu todo sen pedirme nada a cambio.
Dedicaría este libro a meu avó. Se vivira aínda estariamos discutindo sobre a necesidade do lobo e dos miñatos na nosa Terra!


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Que o blog estea vivo, depende de ti. Lembra: escribe ben, manteno limpo, mellórao coa túa aportación. Participa e fainos diferentes!
En Comentar como..., selecciona: "Nome/URL". Pon o teu nome, e deixa en branco o espazo de URL. Así todos saberemos quen somos!