xuño 29, 2022

Encontro interxeracional

Tiñamos o desexo de realizar un encontro interxeracional e nesta ocasión contamos con dúas mulleres, unha bisavoa e unha avoa de dúas das nosas alumnas.

Mulleres alegres, con grande vitalidade  gustosas de estar e compartir cos máis novos e ademais nun centro de ensino.

Contáronnos dos seus anos mozos, das festas do seu tempo, que se celebraban pola tarde e remataban antes de ser noite; ás que ían andando (levaban zapatillas ou zocas para non manchar os zapatos que poñían ao chegar á festa). Falan de como había que "permitir o baile". Tamén falaron   do seu noivado.  Sobre algunhas viaxes que fixeron,etc.


  Esther,  91 anos. Nacida en Bazar (Castro de Rei), considera que tivo unha nenez e mocidade sen dificultades, aínda que foi pouco á escola e na casa  dicíanlle  que aprendese a coser e iso fixo. Aprendeu cunha costureira veciña e despois traballou na súa casa, onde lle facían encargos de vestidos, abrigos (prenda que pouco lle gustaba facer). Ao casar deixouno para atender a casa e despois á súa filla. Comenta que non lle tocou traballar moito no campo, como a outras mulleres, porque o seu marido era carpinteiro e ía  polas casas carpintear.                                           Carmen, 73 anos. Nacida en Dumia (Ancares). Tivo varios irmáns e tamén foi pouco á escola, con aprender a escribir e as catro regras xa o consideraban suficiente.  Aos 17 anos marcha ata Barcelona para a casa duns familiares porque alí a irían buscar outras tías súas para levala a Francia. Traballou de empregada do fogar e comentou das dificultades que tivo co idioma, do seu empeño en aprendelo e da diferenza de vida respecto a España  e moito máis para ela criada nunha aldea.

Moitas grazas ás dúas!


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Que o blog estea vivo, depende de ti. Lembra: escribe ben, manteno limpo, mellórao coa túa aportación. Participa e fainos diferentes!
En Comentar como..., selecciona: "Nome/URL". Pon o teu nome, e deixa en branco o espazo de URL. Así todos saberemos quen somos!