outubro 19, 2019

Con Xabier Cordal (II)


E aquí deixamos a segunda entrega da conversa con Xabier Cordal, escritor de sempre, no que destaca a súa premiada e recoñecida obra poética, pero tamén as súas críticas literarias e as súas múltiples colaboracións xornalísticas, tamén en diferentes portais dixitais, así como o seu traballo como guionista, letrista e, especialmente para nós, como profesor de lingua e literatura galegas no IES da Terra Chá Xosé Trapero Pardo.


CANDELA.- Agora, e sobre todo na literatura castelá, están aparecendo autores que escriben poesía basicamente dirixida cara á xente da nosa idade ou así. Coidas que ese tipo de poesía pode ser favorable a que no futuro aumenten os lectores de poesía, ou simplemente están deturpando o que debería ser a poesía?

XABIER.- Esa é a cuestión, non o sabemos. Hai xente que adoita poñerse moi estupenda ante a falta de calidade poética, a min paréceme secundario se se consegue que un rapaz de quince anos vexa algo especial nesas liñas que non chegan ao final da folla e que falan de sentimentos, emocións, filosofía..., pois asunto concluído, iso ten que ser sempre bo. Eu non podo ler eses poemas porque me aburren, non me interesan, mais é normal pola miña idade, pola poesía que levo lido xa etc. Con todo, está moi ben que exista iso, que por certo ten que ver co rap, ese xeito contemporáneo de transmitir poesía sen nos decatarmos de que é poesía, velaí o truco.

CANDELA.- Ben, agora quería pasar a unhas preguntas un pouco máis persoais ou íntimas. Por exemplo, en que momento decidiches estudar filoloxía galega, porque na vosa época ao mellor nin tiverades contacto coa lingua e literatura galegas como materia no instituto?

XABIER.- Desde que teño uso de razón lembro ler todo o que había pola casa en galego, e non era unha casa onde houbese moitos libros. Con todo, nunca pensei moito nesa cuestión... de repente cheguei e dixen, "ben, agora que fago?" e había unha filoloxía, Filoloxía Hispánica, coa posibilidade de dous anos finais de especialización en galego e portugués. E fun por aí porque me resultaba o menos espantoso de todas as posibilidades. Eu o que quería era ser escritor, pero neste país é un pouco difícil e se por riba fas as cousas que facíamos en Ronseltz... non facíamos amigos precisamente [ri]. Eu escribía en galego xa con 14 anos, non había normativa pero tentaba estar atento ao que había, ao que se publicaba. Tiven moi pouco galego tamén no ensino, apenas meses, entraban e saían os profes... O meu estaba moi claro: ler moi novo a Celso Emilio, ler a Castelao, foi realmente a miña universidade.

CANDELA.- E esas poesías de cando novo, telas aínda gardadas ou era diso que escribías e despois tirabas?

XABIER.- Algunha hai, si. Había unha revista onde eu estudaba e nela publiquei algún texto que aínda gardo, pero se se perden tampouco choro. Presta igual que presta ver un debuxo de cando tiñas catro anos. Agora si que gardo moito do que fan os meus fillos, pero antes gardar esas cousas dos fillos non se facía, non se levaba.

CANDELA.- Levas no IES da Terra Chá moitos anos, realmente todo o mundo sabe quen é Xabier Cordal porque a todo o mundo lle deu clase Xabier Cordal. Só desde que eu cheguei xa vin cambiar moitos profes, que precisaban mudar de aires ou que lles era máis cómodo estar noutro lugar, pero ti aquí segues...

XABIER.- A razón sodes vós, non hai outra, é o alumnado, porque se non non estaría aquí, marcharía a calquera sitio. Eu vin aquí por azar, realmente; estaba moi ben en Mondoñedo, fun moi feliz alí, pero a vida dá as súas voltas e, ben, ao final fun vivir para o Corgo e Castro resultaba unha mellor opción. Desde o principio atopeime ben aquí cun alumnado que falaba galego, que non precisaba de min para saber onde van os pronomes e iso permitíame falar doutros asuntos. Por outro lado, gusto dos lugares pequenos, de saber con quen estou falando, cal é a súa problemática; nun alumnado urbano ás veces isto creo que é máis difícil. Aquí non vou dicir que sexamos unha familia, pero si que existe esa compoñente; eu xa teño varios fillos e fillas de exalumnos..., por un lado isto é deprimente, haha, e por outro é unha marabilla. Pero vós sodes alumnos e alumnas excepcionais, iso sempre o souben, entón non quero irme a sitio ningún porque non creo que vaia atopar nada parecido.

CANDELA.- Grazas pola parte que nos toca. Cando cheguei ao instituto lembro que había unha revista que se chamaba Lucerna, na que ti traballabas e da que formabas parte moi activa, cal é o motivo de que esta desaparecese pois realmente era a revista do instituto?

XABIER.- Ben, aí están os números que foron saíndo todos eses anos... si, claro que estaba moi ben. A ver, esa revista existiu porque eu me empeñei e supoñía traballar nos leceres e durante o mes de maio andar a tope para sacala adiante, porque tiña que facer todo, corrección, deseño, maquetación, impresión, distribución, todo iso. Supoñía, ademais, moito contacto e reunións frecuentes co alumnado para explicar o proxecto, procurar colaboracións, facer seguimento do proceso etc. Ao final facíaseme moito, non podía xa coa tarefa, tiña unha familia, non dispoñía das tardes, outra cousa sería que me dixesen desde arriba, pois mira, ímosche dar máis horas para a revista e menos gardas ou menos clases, entón si podería seguir. A revista, por desgraza, aí quedou á espera de que haxa ese impulso. Ao mellor outra persoa si pode recoller o proxecto e sería estupendo. Por outra banda ese e outros proxectos son parte do meu choio e coido que é algo que sempre hai que facer nun centro de ensino; o que é difícil é soster iso durante trinta anos. 

CANDELA.- Nós temos a sorte de saírmos nun dos últimos números...
ALBA.- A verdade que eu, que levaba vendo esa revista na miña casa durante anos, sempre pensaba: cando chegaremos nós ao insti para saírmos nela...

XABIER.- Si, o das fotos das promocións, que parece secundario, ao final era moi importante, algo que queda aí para toda a vida. É unha mágoa que desde os poderes públicos non se estableza unha vía que permita afianzar no tempo proxectos coma este e que non dependan de que apareza un profesor que tome esa tarefa entre mans. Ollo, eh? que o traballo do alumnado era tamén fundamental. E ademais o pico forte de traballo cadraba co recta final do curso, os exames, etc. En definitiva as revistas escolares, aquí e en calquera parte, son moi necesarias.

CANDELA.- Cambiando de tema, gustaríanos saber a túa opinión sobre as novas xeracións. Coa perspectiva que che dá vernos pasar pola aula, ver como cambiamos, como evolucionamos, imos a mellor, a peor...?

XABIER.- Eu fun [tamén] unha nova xeración [sorrí], lembro aínda cando formaba parte dunha nova xeración e escoitaba as mesmas cousas que oídes vós agora. É parte da historia da humanidade atribuírlle aos novos seren egoístas, insolidarios, fatos... Son invencións culturais, forman parte dese proceso de facerse vello. Un acaba pensando que a súa época foi a mellor, indiscutiblemente. Porén penso que hai moito que escoitar, moito que aprender das novas xeracións. Eu mesmo teño feito cousas horribles co alumnado nese sentido, lembro ter trinta anos e dicirlle a aqueles rapaces da época coas súas camisetas e o seu culto a Nirvana, por exemplo: “bah, iso é unha perrallada”. E claro, pasan outros quince anos e pensas o parvo que fuches, Nirvana é unha marabilla, como puiden dicir iso!? E pasoume por non escoitar aos alumnos, así que agora procuro estar moi atento ao que pode parecer unha chorrada, dáme igual como se chame, grupo musical, autor, tendencia... eu reparo nela. O mundo da xente nova é o mundo dentro de vinte anos.

CANDELA.- Coa experiencia acumulada de todos estes anos, consideras que a porcentaxe de alumnado galegofalante minguou?

XABIER.- Non o considero, seino. Ao chegar a este instituto fixéramos un estudo bastante ambicioso, durante meses. Hai que ter en conta que naquela época había en Castro 500 alumnos e alumnas; pois ben, aí estábamos nun oitenta e moitos por cento de galegofalantes. Agora non sei a porcentaxe con aquela seguridade, pero desde logo é moi fácil de percibir e ten que ver cunha tendencia que é a deste país que, como dicía Manuel Rivas “está empeñado en suicidarse e non o consegue”. Temos esas responsabilidade sobre nós, é moi cómodo pensar que todo vén de arriba, que se Feijóo e tal, e é certo que temos uns poderes públicos que son hostís cara ao idioma, ou cando menos que o tratan como un rito ou un folclore... ora ben, hai unha responsabilidade persoal, igual que cando falamos de que non se le literatura galega. É a nosa vida apostar polo galego desde dentro de nós e non unicamente cara a fóra, que por suposto é moi saudable, é imprescindible, pero tamén hai que pensar propositivamente. Teremos que ser un pouco máis atractivos e non converter a lingua nun elemento de partido, de ideoloxía, senón facela o que é unha lingua, o idioma de todo un país con independencia e á marxe do que cada quen vota, pensa ou fai

PAULO.- Eu si que percibín, e só no tempo que pasei no instituto, ese cambio e vexo que as promocións novas empregan moito máis o castelán, sobre todo cando falan entre eles...

XABIER.- Efectivamente, pero este fenómeno non é cousa dos rapaces, éo das súas familias. Nesas idades das que estamos falando, o alumnado vén co posto directamente da súa casa, do seu ámbito, tamén coa lingua de relación. A nosa misión no instituto, o noso deber, se é algún, é tentar convencer a eses rapaces de que están deixando atrás algo moi valioso e algo moi útil e moi divertido. O idioma modelounos, fixo de nós o que somos, pero ademais bríndanos moitas oportunidades de cara ao futuro tamén.

CANDELA.- Pero si que moita xente segue a pensar que a lingua galega non serve fóra de Galicia e que falar galego está ligado á túa militancia política e, polo tanto, non queren ser identificados con iso. Realmente delata unha inconsciencia total por parte daqueles que tiran por terra as súas raíces e o seu futuro por medo a seren connotados, etiquetados.

XABIER.- Desde o meu punto de vista, creo que se insistiu demasiado na forza simbólica do idioma e no carácter do idioma como elemento político, que o ten, pero unha cousa é que sexa un elemento político e outra que sexa partidario ou ideolóxico. Coido que é un erro moi grande dicirlle aos demais “ti non tes dereito” ou “ti non es dos nosos”. Foi un erro histórico e aínda constato que non se corrixiu. Por iso fundamos Prolingua, entre outras cousas, porque queríamos transmitir a idea de que a lingua é algo moito máis importante do que unha ideoloxía concreta. Do mesmo xeito que non tería sentido considerar aquela montaña ou a arte románica como da miña propiedade ou da do meu partido.

CANDELA, PAULO, ALBA.- Pois moitas grazas por compartires con nós este tempo e por contestar as nosas preguntas.

XABIER.- Moitas grazas a vós. Foi moi divertido, paseino moi ben.  
 

2 comentarios:

Que o blog estea vivo, depende de ti. Lembra: escribe ben, manteno limpo, mellórao coa túa aportación. Participa e fainos diferentes!
En Comentar como..., selecciona: "Nome/URL". Pon o teu nome, e deixa en branco o espazo de URL. Así todos saberemos quen somos!