Frei Rosendo Salvado (1814-1900) foi un galego de Tui que pasa por ser o introdutor na nosa terra do eucalipto, árbore excepcional polo seu porte e propiedades medicinais, a ollos dos europeos do séc. XIX. Home teimoso e metódico, rexistrou por escrito a cultura, lingua e medio natural dos habitantes xenuínos da Australia, mostrándose defensor dos seus dereitos.
O frade fundou unha especie de cidade modelo para os aborixes, baseándose nas ideas doutros monxes galegos innovadores e ilustrados: Martiño Sarmiento e Feijoo. Sendo monxe bieito e misioneiro, fíxose agrónomo, zootécnico, albanel, mecánico, cartógrafo... Seguindo esa teima de educar o pobo, empregou métodos matemáticos e utilidades prácticas; xardíns botánicos, bibliotecas públicas, academias de agricultura, residencias para orfos, escolas en lingua vernácula, hospitais, talleres con arados e malladoras modernas... O seu obxectivo era: "que unha familia aborixe consiga vivir autonomamente nun terreo e nunha vivenda digna de seu, co equipamento e a semente para a primeira colleita".
Se outros presumen de Livingstone ou Stanley, os galegos recibiremos como se merece o bicentenario do nacemento deste home, que se decatou da urxencia da tarefa que tiña por diante: adaptar a poboación australiana ao cambio social e cultural que se lles viña encima polo contacto con Occidente. Pareceulle que o máis cristián era capacitalos para sobreviviren, medraren e competiren co mundo dos brancos que lles era imposto. Nun tempo duro, colonial e de rapina, non se limitou a estudar e observar aqueles pobos, senón que se implicou en mellorar a súa calidade de vida nesa súa difícil transición.
PARA SABERMOS MÁIS:
En inglés unha biografía e até os seus diarios:http://adb.anu.edu.au/biography/salvado-rosendo-2627
http://www.newnorcia.wa.edu.au/protecting-a-unique-heritage/the-story-of-new-norcia/the-salvado-era.html
http://biblioteca.universia.net/html_bura/ficha/params/title/the-diaries-of-the-galician-rosendo-salvado-chronicle-of-spanish/id/43141214.html
Podedes ver a actual Nova Nursia, a cidade modelo de R. Salvado:
http://www.youtube.com/watch?v=ULEee2Encz0
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Que o blog estea vivo, depende de ti. Lembra: escribe ben, manteno limpo, mellórao coa túa aportación. Participa e fainos diferentes!
En Comentar como..., selecciona: "Nome/URL". Pon o teu nome, e deixa en branco o espazo de URL. Así todos saberemos quen somos!