Galicia
Rural é un ensaio fotográfico sobre a cultura rural feito polo fotógrafo inglés
afincado en Cangas do Morrazo Iain Colquhoun. O volume, de 220 páxinas a toda
cor, reúne fotografías realizadas polo autor desde a súa primeira viaxe ao noso
país en 1982 até 2012, ano da publicación.
O
prologuista, Heitor Mera, dinos que a ollada allea e sensible do autor logra
captar o que moitos galegos vemos e vivimos, mais non miramos e, moito menos,
valoramos. Nestas fotografías o
verdadeiro protagonista non son a paisaxe, os carros, os muíños, as solainas, senón
a dignidade da xente que vive da terra.
O autor pronunciou
as seguintes palabras que nos poden levar á reflexión: “vexo o rural como unha
forma de vida, unha cultura de vida. Antigamente non foi un medio de facer
diñeiro, senón un medio e un fin en si mesmo. En Galicia o home vencellábase
máis coa natureza, pero agora o ser humano non ten vencellos e ten que darse
conta de que estamos nun punto de inflexión no que temos que escoller un camiño
porque estamos nunha canella sen saída. Precisamos doutro modelo social. Temos
que nos dar conta de que o mundo come ovos e patacas, non tecnoloxía. Galicia
debe potenciar isto. Cada pobo ten que
recoñecer as súas raíces e explotar os seus recursos, e non deixalos caer no
esquecemento. E Galicia ten moitos recursos. As cousas ben feitas no pasado non
se opoñen ao progreso e hai que mantelas. Coa perspectiva da Historia, mirar
atrás e ver o que había, renovalo e potencialo é unha actitude cara á vida e
cara á natureza.”
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Que o blog estea vivo, depende de ti. Lembra: escribe ben, manteno limpo, mellórao coa túa aportación. Participa e fainos diferentes!
En Comentar como..., selecciona: "Nome/URL". Pon o teu nome, e deixa en branco o espazo de URL. Así todos saberemos quen somos!