xuño 14, 2017

Galiza en singular


"Europa é como unha cova do tesouro de viaxes incribles, e decidir que destino visitar pode resultar complicado. Por sorte, os expertos en viaxes de Lonely Planet aceptaron o reto e veñen de escoller os mellores destinos para 2017." 

Velaquí o inicio da selección anual de destinos en Europa que fai a británica Lonely Planet, a maior editorial de viaxes con máis de 100 millóns de libros impresos en nove linguas diferentes, especializada en acreditadas guías para viaxeiros independentes, actualizadas bianualmente e famosas pola súa fiabilidade e rigorosa información, polos seus mapas, fotografías e referencias históricas e culturais. Presumen de viaxaren sempre aos lugares e establecementos sobre os que escriben e nunca aceptar retribucións en diñeiro ou especie a cambio de reseñas favorables. 

Pois ben, esta editorial incluíu a nosa terra entre os 3 mellores destinos europeos Best in Europe 2017. Mais tamén figuraba entre os 10 destinos mundiais recomendados para o ano pasado Best value destinations for 2016. Quizá isto non sexa o máis sorprendente, afeitos como estamos ás campañas turísticas institucionais, á catedral de Santiago ou ao seu camiño de peregrinaxe, por onde pasan cada ano centos de miles de persoas que chegan desde moitos puntos do continente. Quizá o extraordinario son os motivos que Lonely Planet esgrime para recomendala tan vivamente aos seus seguidores: refírense á nosa comunidade como a "última fronteira de España, un lugar que aínda non recibiu toda a atención que merece por parte dos viaxeiros; unha alternativa diferente ao resto do país, Galiza é case un país en si mesmo, coa súa propia lingua, a súa propia música e expresión cultural e artística, o seu impresionante patrimonio arquitectónico de varios séculos, as súas vilas mariñeiras, o sabor e vida bulideira dos seus barrios históricos, unha poboación moi acolledora, centos de praias e máis dun millar de quilómetros de costa".

E é que o recomendable, o interesante, o prioritario para estes viaxeiros experimentados consiste en viaxar realizando os descubrimentos por ti mesmo, accedendo a novidosas realidades e recibindo experiencias únicas: reto, aventura, sensacións fortes, estilo de vida, natureza, patrimonio, encanto, misterio, vitalidade cultural, novas propostas, creación, optimismo, enerxía, cociña centenaria, paisaxe humana..., velaí as ideas forza máis repetidas nas súas reseñas.

Así pois, unha aposta polo singular, polo auténtico, agora que vivimos tempos de masificación e turismo de borracheira




Ningún comentario:

Publicar un comentario

Que o blog estea vivo, depende de ti. Lembra: escribe ben, manteno limpo, mellórao coa túa aportación. Participa e fainos diferentes!
En Comentar como..., selecciona: "Nome/URL". Pon o teu nome, e deixa en branco o espazo de URL. Así todos saberemos quen somos!