febreiro 26, 2018

E irei madre a Vigo

E así foi como o alumnado de 3º e 1º de Bac partiu cara a Vigo na procura do pergameo Vindel. Avistaron ao lonxe a illa de San Simón e chegaron por fin á beira da ría de Vigo. Alí estaba Martín Codax agardando por eles e fitando de reollo o almanaque, pois xa enseguidiña ten que regresar para Nova York, de onde veu en exclusiva e por vez primeira para esta exposición. Contou que leva 40 anos na cidade dos rañaceos e que lle fixo moita ilusión que tantos centros de ensino quixesen estes meses vir ver ao vivo as súas sete cantigas con letra e música, poesía que nos fala da paisaxe, do mar, das romarías, do amor... 

Mergullounos nunha viaxe pola Idade Media dos séculos XIII e XIV. A exposición estaba dividida en sete partes, cada unha delas inspirada nunha das sete cantigas. Así, cada verso daba paso á explicación, por exemplo, da espiritualidade e a cultura do Camiño, ou da sociedade e a estrutura de poderes do momento, da vida cotiá, do amor sacro e o amor profano, do templo e o espazo sagrado, do pensamento simbólico, a nostalxia do pasado e a incerteza do futuro. Hai unha guía magnífica da exposición que podedes consultar aquí, e tamén fichas con actividades.

Despois visitamos o resto do Museo do Mar, o acuario, o faro, os vestixios castrexos que aínda se conservan, e todo nese vibrante espazo que nos mergullou na actividade mariñeira galega a través do seu decorrer histórico. Finalmente, e por non perder de vista a beiramar e as illas Cíes, subimos ao parque de Castrelos e percorremos os xardíns do antigo Pazo da Lavandeira e hoxe Museo da Cidade "Quiñones de León". Un lugar fermoso e romántico, como poderedes comprobar aquí

Para sabermos máis:
Glosario da poesía medieval profana galego-portuguesa
Cantigas medievais galego-portuguesas 

A viaxe a Vigo en imaxes:










Ningún comentario:

Publicar un comentario

Que o blog estea vivo, depende de ti. Lembra: escribe ben, manteno limpo, mellórao coa túa aportación. Participa e fainos diferentes!
En Comentar como..., selecciona: "Nome/URL". Pon o teu nome, e deixa en branco o espazo de URL. Así todos saberemos quen somos!