maio 17, 2016

As Ciencias ensinan a pensar

Ademais do catro de novembro, efeméride na que vimos celebrando o día da ciencia en galego, hai diversas ocasións ao longo do ano para recoñecermos o valor das ciencias na nosa sociedade. As xornadas das que hoxe falamos, organizadas polo Consello da Cultura Galega, teñen como obxectivo principal poñer de manifesto que a forma de traballar das ciencias inclúe o razoamento, unha avaliación do coñecemento que se basea en probas (argumentación) e non en opinións subxectivas, así como o desenvolvemento do pensamento crítico.

Hoxe considérase que as prácticas científicas máis importantes son a elaboración de modelos, a súa avaliación e explicación á luz das probas, e por suposto a investigación e a experimentación. As ciencias experimentais teñen pois un importante papel, tanto historicamente como na actualidade, nesa forma de validar os coñecementos. E nisto colaboran coas humanidades e a filosofía (que tamén ensinan a pensar, mais non son as únicas). A xornada pretende facer explícito este papel das Ciencias na crítica á pseudociencia, á publicidade enganosa ou a ideas como o racismo, baseadas na ideoloxía e non nos datos científicos.

Participarán especialistas nesta liña de traballo, o doutor Christian Plantin, profesor de Ciencias da linguaxe, pioneiro nas investigacións arredor das interaccións entre razón e emoción no discurso argumentativo sobre cuestións científicas de relevancia social. A doutora Conxita Márquez, profesora na UAB e editora da revista Enseñanza de las Ciencias, estuda como promover a lectura crítica de textos científicos en Secundaria, e como avaliar a fiabilidade da publicidade sobre cuestións de saúde e cosmética. Desde Galicia, contarase coa participación da doutora e académica Marilar Aleixandre, que dirixe un grupo de investigación sobre razoamento e pensamento crítico, con atención a cuestións como as ideas deterministas. Na mesa redonda participarán persoas con experiencia nas críticas á pseudociencia e no esforzo por promover unha imaxe adecuada das ciencias desde Galicia.


“O obxectivo principal da educación é formar seres humanos capaces de facer cousas novas que non repitan simplemente o que outras xeracións xa fixeron: persoas creativas, que teñan inventiva e que sexan descubridoras. O segundo obxectivo da educación é formar mentes capaces de exerceren a crítica, que poidan comprobar por si mesmas o que se lles presenta e que non o acepten sen máis porque si.” Jean Piaget

Para sabermos máis sobre Ciencia:

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Que o blog estea vivo, depende de ti. Lembra: escribe ben, manteno limpo, mellórao coa túa aportación. Participa e fainos diferentes!
En Comentar como..., selecciona: "Nome/URL". Pon o teu nome, e deixa en branco o espazo de URL. Así todos saberemos quen somos!