O blog do ies
da terra chá presenta unha exclusiva entrevista con Tamara Fernández Labrada, a nosa
compañeira de 1ºA de Bacharelato, flamante gañadora do 3º Premio Literario Minerva, na modalidade de Poesía, que outorga o Colexio Peleteiro de Santiago
de Compostela desde hai xa 53 anos e 44 edicións. O seu traballo Non deixedes que vos miren o móbil foi
considerado polo xurado dunha extraordinaria calidade, o que garante o futuro
da poesía galega e chairega. Sorprendeu tamén a cultura poética das premiadas e premiados tendo en conta a súa mocidade. Velaquí os comentarios de Tamara que non debemos deixar
de ler:
Por que escolliches este xénero?
Para, dalgunha forma, sacar o que levaba dentro. Non teño
preocupación pola forma do poema, senón polo fondo, por transmitir o que sinto
e que quen o lea poida sentir tamén; o mesmo ca min ou non, iso dá o mesmo.
Que permite expresar a poesía que de outra maneira non se diría?
Que permite expresar a poesía que de outra maneira non se diría?
Se tentas explicarlle a outra persoa o que sentes pode
chegar a entenderte, se o transmites a través da poesía pode chegar a sentir o
mesmo que sentes ti. A poesía expresa sentimentos, non información.
Cando e por que
comezaches a escribir?
Os primeiros poemas que escribín foron os que mandei aos
Premios Minerva, desde aquela, ou máis ben desde que fun premiada e me falaron
da miña calidade poética, seguín escribindo. É gratificante saber que a miña
poesía gusta, e que outras persoas entenden o que sinto.
O xurado ficou
sorprendido pola "cultura poética" dos premiados: realmente cal é a
túa cultura poética e literaria en xeral, que les, cando, como? Cal é a cultura
literaria da xente da túa xeración?
"Gústame ler, iso faime ter |
unha boa expresión escrita" |
Se entendemos cultura poética como poesía escrita, pois é
bastante nula. O primeiro libro de poesía que lin foi o ano pasado, Poetízate
de Fran Alonso, como parte da materia de Lingua Galega que impartía Xabier Cordal. Gústanme os poemas con fondo, que me fagan sentir. En xeral gústame ler,
a maioría das veces novelas e contos. Iso faime ter unha boa expresión escrita
e se a iso lle sumas a cantidade de emocións que levo dentro é relativamente
doado escribir.
A miña xeración ten problemas tanto na expresión como en
sentir, todo o mundo semella estar aparvado pola tv e os móbiles. Esquecéronse
de mirar aos ollos, de compartir sentimentos, de pensar... Quen sae agora a
pasear pola rúa?, ou quen se para mirar ao seu arredor? Todo vai demasiado de
présa. O bon desta xeración é que escoitan poesía sen sabelo, os versos do rap
tamén forman unha especie de poemas. E se vas máis amodo e paras a escoitalos
chegas a sentir o que din.
Que papel debería
cumprir un instituto de ensino secundario na vocación creativa do alumnado?
Creo que obrigar aos alumnos a escribir pode chegar a ser
contraproducente. Os institutos fomentan a intelixencia memorística,
lingüística e lóxica, como moito; avalíase ao alumnado por isto, o que pode facer
que se sintan ignorantes e inútiles...
Coido que habería que ensinar aos estudantes a pensaren por
si mesmos, e despois xa eles e elas escollerían.
"Creo que habería que ensinar aos alumnos a pensaren por si mesmos e despois xa eles escollerían" |
Para cando a
edición impresa dos premios Minerva?
Non sei, eu tamén estou esperando.
En que andas a
traballar agora? Algún proxecto literario en mente?
Pois sigo escribindo, e con moitas máis ganas! Teño temas
tan diversos que non sei estruturar o meu caderno, pero gústame, estou cómoda
na miña desorde.
Que lle dirías ás
túas compañeiras ou compañeiros que teñan tamén "as súas cousiñas"
literarias gardadas nunha gaveta?
Dareilles o mesmo consello que me deron a min no seu día,
"tés que superar os teus medos, e tés que facelo ti soa". Non
importa nin o medo nin a vergoña, quizá non guste e sufras críticas, pero
compénsao a satisfacción de saber que non estás de todo soa, que alguén máis te
entende e sente o que ti sentes.
Grazas Tamara, moita sorte e moitos éxitos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Que o blog estea vivo, depende de ti. Lembra: escribe ben, manteno limpo, mellórao coa túa aportación. Participa e fainos diferentes!
En Comentar como..., selecciona: "Nome/URL". Pon o teu nome, e deixa en branco o espazo de URL. Así todos saberemos quen somos!