O 26 tivo lugar a despedida da promoción de 2º de
Bac. Discursos, expectación, emocións, algunhas bágoas, todos os ingredientes
para dicir adeus a unha etapa e disporse a iniciar outra, aínda máis impredicible, pero por iso mesmo tremendamente emocionante.
De despedida tamén estaba outra compañeira, esta vez
profe durante moitos anos no IES da Terra Chá, Loli Iglesias. Dixo cousas moi
lindas do alumnado, verdadeira e fundamental razón de ser da vella profesión de
profesor.
Para non deixar a mamás e papás con mal sabor de boca
e mentres o apetito das e dos flamantes graduados se ía abrindo, que mellor
cousa que tomar un té con Kant. Si, co filósofo aquel das Luces, pero tamén cos
seus coetáneos, o matemático Hamann, o empirista Hume, as ilustradas damas de
salón Johanna Gottfried e Theodora Krauss, a música de Wolfgang Amadeus Mozart,
a cidade de Königsberg e un Karl Marx fóra de época que pairaba no ar.
Un burato de verme aínda aberto debaixo da ponte do
Lea en Castro mergullounos nun torrente de pensamentos, de a cabalo entre aquel
tempo e o noso. Imperativos categóricos, dilemas morais e políticos á hora de decidirmos os alí presentes a sorte daquelas dúas atrevidas prusianas: regresar ao
pasado e tratalo de cambiar para evitar así as súas nefastas consecuencias na actualidade,
ou ben manterse no presente e tentar así mudar o futuro.
Mais a que si que inevitablemente toma estes días decisións é
a nosa benquerida promoción de 2º de bacharelato. Concederse o tempo necesario,
non se deixar seducir por cantos de serea, superarse, avanzar, dialogar,
consensuar, procurar –tamén- o ben común e gañar os soños, velaquí os ingredientes necesarios para o lanzamento, desde
o IES Terra Chá, das nosas viaxeiras e viaxeiros no tempo polo
burato de verme do Lea, aínda que desta vez, cara ao futuro.
Un selfie desde os baños do IES |
Teatro Crítico Universal da Revista Galega de Teatro
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Que o blog estea vivo, depende de ti. Lembra: escribe ben, manteno limpo, mellórao coa túa aportación. Participa e fainos diferentes!
En Comentar como..., selecciona: "Nome/URL". Pon o teu nome, e deixa en branco o espazo de URL. Así todos saberemos quen somos!