xuño 06, 2016

Homenaxe

O pasado xoves día 2 o equipo de Biblioteca do IES da Terra Chá, que coordina a profesora Carolina Rodríguez Yáñez, agasallounos con un magnífico acto homenaxe ao poeta chairego, albo de todas as reverencias e referencias nesta edición 2016 das Letras Galegas.

Unha presentación das alumnas Rocío e Yolanda abriu o acto. Dando paso a continuación a Alfonso Blanco Torrado, referente da Asociación Cultural Xermolos e, en xeral, da cultura chairega desde o seu Guitiriz adoptivo. E este falounos da súa amizade persoal con Manuel María e presentounos a Mini e Mero, membros do grupo A Quenlla e nomes propios da música e da cultura galegas. 

A colaboración insustituíble do alumnado de 3º de ESO fixo que todo estivera a punto, ben disposto e engalanado para a ocasión, e que mellor para isto que os traballos que vedes nestas fotos, inspirados en coñecidos artistas plásticos contemporáneos. Mais tamén é digna de mención a merendola posterior que nos tiñan preparada. Pola súa parte, a Asociación Xermolos, como se ve, tivo arte e parte nesta celebración e trouxo ao vestíbulo da Casa da Cultura de Castro o seu arquivo de libros, revistas, edicións históricas de Manuel María e outras asinadas e dedicadas polo propio autor. E non esquecemos a xentileza e facilidades da xente do propio Concello de Castro de Rei.

E que dicir de Mini e Mero..., puidemos comprobar como asistir ao seu concerto supón unha verdadeira clase maxistral na que, ademais de gozarmos cos poemas musicados de Manuel María, Díaz Castro e outros poetas chairegos, aprendemos anécdotas do autor homenaxeado, coñecemos retallos da nosa historia máis esquecida, e soubemos das loitas a prol da lingua desa xeración que viviu a dureza do franquismo pero que non calou, e buscou maneiras de se revelar, denunciar e gañar. Gañar, nin máis nin menos, ca un futuro para a nosa lingua.

















































Para sabermos máis:
Audio de 20 poemas musicados de Manuel María

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Que o blog estea vivo, depende de ti. Lembra: escribe ben, manteno limpo, mellórao coa túa aportación. Participa e fainos diferentes!
En Comentar como..., selecciona: "Nome/URL". Pon o teu nome, e deixa en branco o espazo de URL. Así todos saberemos quen somos!