Máis
de 80
Máis de 80 nomes: Lucía, Juana,
Tatiana…
Máis de 80 lugares: Calpe, Palma de
Mallorca, Ibiza, León, Lugo,…
Máis de 80 pasados marcados polo medo,
o silencio, a culpa, a sensación de soidade, a impotencia, a opresión, a anulación…
Máis de 80 futuros esnaquizados e
inexistentes, truncados nun instante.
E 80 silencios, 800, 8000, 80000….
Os silencios cómplices de cada un e cada unha de nós que, nalgún intre, non
reaccionamos ante comentarios, estereotipos e ideas preconcebidas que aínda persisten
no noso día a día.
A nosa realidade inmediata está
inzada de momentos nos que as mulleres nos sentimos no punto de mira: cada vez
que unha muller se mira no espello, cuestionando o seu aspecto físico, é vítima
da violencia; cada vez que sae do portal cando a luz do día aínda non asomou ou
xa se agochou nestas tardiñas de finais de novembro, e mira por enriba do
ombreiro cando escoita que non camiña soa pola rúa, é vítima da violencia.
Violencia é calar, xustificar. É non
loitar por un mundo onde sexamos, como definiu Rosa Luxemburgo, socialmente
iguais, humanamente diferentes e totalmente libres.
Xa abonda de violencia contra as mulleres.
Pola igualdade, pola diferenza. Pola liberdade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Que o blog estea vivo, depende de ti. Lembra: escribe ben, manteno limpo, mellórao coa túa aportación. Participa e fainos diferentes!
En Comentar como..., selecciona: "Nome/URL". Pon o teu nome, e deixa en branco o espazo de URL. Así todos saberemos quen somos!