xuño 29, 2017

Tempo de recoller

É tempo de recoller os froitos sementados ao longo destes meses. Desde o Fitofaladoiro do IES da Terra Chá desenvolvemos un traballo intenso pero moi grato e satisfactorio durante todo o curso académico 2016-17.

O balance do ano dá uns resultados que nos enchen de orgullo: charlas divulgativas, encontro cos maiores da comarca, concursos e certames, visitas, 4 obradoiros, 5 exposicións arredor do mundo das plantas, 25 vídeos elaborados, e varias entradas nos diversos sitios web do centro e comarca. A canle de youtube rexistrou máis de 1600 visitas desde a súa creación; e este blogue incrementou en 18.000 o seu número total de visitas no curso que agora remata, resultado nada alleo ao faladoiro de plantas.

Mapa co nº e zona de recollida
Recibíronse, por outra banda, 224 achegas sobre nomes galegos de plantas, na súa maioría recollidas polo propio alumnado, aínda que tamén tivemos colaboracións moi estimables. As zonas de recollida de todo este material correspondéronse coa Terra Chá, principalmente, mais tamén coa Terra de Melide, Chantada, A Fonsagrada e O Caurel. 

Nestas achegas observamos a riqueza lingüística así como a existencia de múltiples variantes para denominar cada planta, quizá en función da súa presenza ou importancia. Así, da especie Digitalis purpurea achegáronse até 7 nomes diferentes, sendo os máis frecuentes Baloco e San Xoán. O mesmo ocurriu coa celidonia, o dente de león ou leituga, o dentebrú ou dentagrón, coñecido este polas súas propiedades medicinais para o sistema circulatorio, dixestivo, dor de ósos, etc.

Destacamos tamén polo seu interese medicinal o xénero Plantago, coas súas especies Plantago major e Plantago lanceolata, que reciben diferentes nomes comúns, como chantada, herba das sete costelas, lingua de ovella ou llanté. É de reseñar, por outra banda, a importancia que descubrimos que tivo o aproveitamento da árnica e da herba das verrugas ou herba papeira (Drosera sp.), pois recoller e vender estas plantas supoñía un importante complemento nas economías campesiñas. Os cambios no modelo de aproveitamento do territorio que viñeron despois, así como a presión de actuación sobre estas especies, fixeron que sexan pouco frecuentes na actualidade, o que xustifica a necesidade da súa protección e regulación do seu aproveitamento.

En fin, aquí deixamos o Fitofaladoiro por este ano académico. Non esquezades aproveitar o verán e herborizar todo aquilo que desexedes conservar, ou ben aquilo que queirades identificar mellor unha vez comece de novo o curso. Poida que atopades por aí algún tesouro botánico agachado: investigade, preguntade aos maiores, anotade, gravade e o vindeiro curso, máis.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Que o blog estea vivo, depende de ti. Lembra: escribe ben, manteno limpo, mellórao coa túa aportación. Participa e fainos diferentes!
En Comentar como..., selecciona: "Nome/URL". Pon o teu nome, e deixa en branco o espazo de URL. Así todos saberemos quen somos!