xullo 12, 2017

Dándolle á Lingua

Botamos unha ollada atrás, ao curso que remata, e imos lembrar algunhas das actividades organizadas por este ENDL, equipo de alumnado e profesorado do centro que este ano non parou quieto nin un instante.  

O 19 de decembro fixemos unha escapadiña ao Outeiro de Manuel María, co alumnado de 4º e a axuda das profesoras Susana e Ximena, do Departamento de Galego. Primeiro paseamos pola carballeira de Santa Isabel, facendo un pequeno percorrido á beira do Miño ata a capela. Despois visitamos o panteón onde está enterrado o poeta e a seguir visitamos a súa Casa Museo. Así pechamos os actos sobre a figura homenaxeada nas Letras 2016.


O 17 de xaneiro tiramos cara a Santiago de Compostela co alumnado de 2º de Bacharelato, cos profes Tiago e Ximena. Alí asistimos á representación teatral "Pelos na Lingua" de Talía Teatro, divertido espectáculo sobre a situación crítica  que está a vivir a lingua galega. Resultou unha boa lección sobre estereotipos e prexuízos lingüísticos. Aproveitamos despois para unha visita guiada ao Museo do Pobo Galego e tamén ao Panteón de Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval. Non quixemos marchar sen pasear polas prazas do Obradoiro e A Quintana, e facer unha rápida visita ao interior da Catedral, onde Tiago, o noso profe de Arte, nos explicou a composición, imaxes e simboloxía do Pórtico da Gloria. 


En abril, o día 6, e en colaboración co IES Basanta Silva de Vilalba, asistimos co alumnado de Bac a un Concerto poético musical de CintaAdhesiva, na Casa da Cultura de Castro. Proxecto literario musical que une os poemas e a voz de Silvia Penas, a música de Jesús Tejada e as videocreacións de Area Erina. O concerto foi unha  experiencia nova, vivida intensamente polos espectadores, alumnado e profesorado.




Poucos días despois, o 20, tivo lugar a charla-coloquio con Abraham Carreiro para alumnado de 2º ESO. Autor do libro Xoeliki, as aventuras dun ciberpirata,  escrito e ilustrado polo propio autor. Explicounos o proceso de ir imaxinando os personaxes da súa historia, facéndonos asemade a descrición e a ilustración de cada un deles. Respondeu a numerosas preguntas da súa vida e obra, salientando que o que lle gustaba era escribir e debuxar as súas propias historias.



Outra ilustradora, neste caso a luguesa Noemí López, protagonizou o día 24 a charla-obradoiro “Contando con Imaxes” para o alumnado de 1º de Bacharelato que cursa Debuxo Artístico. Noemí, mediante demostracións prácticas que seguiron os alumnos, deu algunhas pautas para dominar o  traballo da narración ilustrada e de ficción.



O día 4 de maio os de 1º de ESO participaron no Correlingua na súa etapa en Lugo. Elaboraron unhas pequenas pancartas coa axuda das profesoras Susana e Lola e enfundaron o seu traxe máis deportivo para percorrer os 3 kms de carreira pola Lingua que nos correspondían. Salientamos a participación de Andrea, que levou a súa gaita e tivo a oportunidade de interpretar en pleno escenario a “Muiñeira de Lugo, ao lado nin máis ni menos ca do zanfonista Luís O Caruncho.



O 25 dese mes, os de 2º de ESO tiveron a oportunidade de coñeceren a un dos poucos que aínda sabe do oficio de zoqueiro, Gonzalo Teijeiro, o zoqueiro de Duarría. Bo conversador e home de grande humor, que nos prestou e cedeu desinteresadamente as ferramentas que empregaba no seu oficio, así como varios pares de zocas que conserva. Na Biblioteca organizamos con todo ese material unha exposición de varias semanas; alí mesmo o zoqueiro nos contou como comezou o seu oficio de ben cativo, aprendendo dun irmán seu. Falounos da madeira que empregaba, do xeito de serrala e preparala, do labrado, afumado e ribeteado das zocas, das feiras e dos procesos de venda da mercadoría, dos usos, pois non só era un calzado ideal para ir traballar ás hortas, senón que mesmo podía ser calzado de festa. 
Finalmente falounos da grande demanda actual de zocas como obxecto decorativo, moi ben remunerada a medida que queda pouca xente que as saiba xa traballar; o triste é que case non se empregan como calzado, que era moi sano. Gonzalo mantén viva a súa afección e todos os días ten que ir dar unha volta polo taller. Animou aos rapaces a que non esquecesen este antigo oficio, quen sabe, se cadra algún tamén se decide a aprendelo.



Carlos Casares: velaí o autor homenaxeado nas Letras Galegas 2017. Puxemos ben á vista a exposición de cartaces bio-bibliográficos sobre o autor, así como toda a súa obra presente na biblioteca do centro. Fixemos, ademais, unha lectura pública dos diferentes relatos de Vento ferido, na que participaron alumnos/as de ESO, Bacharelato e FP Básica.


E así fomos rematando o curso 2016-17. O ano vindeiro, máis e mellor. Saúde!



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Que o blog estea vivo, depende de ti. Lembra: escribe ben, manteno limpo, mellórao coa túa aportación. Participa e fainos diferentes!
En Comentar como..., selecciona: "Nome/URL". Pon o teu nome, e deixa en branco o espazo de URL. Así todos saberemos quen somos!