novembro 02, 2017

Eu rexeito

O pasado día 20 de outubro, o IES daTerra Chá ergueu a súa voz contra a vaga de lumes forestais que arrasaron eses días a nosa fauna e a nosa flora, así como a vida dalgúns concidadáns e as propiedades de moitos outros. 
Diante duns feitos tan deplorables, escribimos, debuxamos, denunciamos e deixamos constancia da nosa rabia, pero tamén da nosa diagnose e dos posibles remedios a tan suicida epidemia. O que segue é un dos textos que foi lido durante o acto, todos eles elaborados polo alumnado dos distintos niveis e etapas educativas.

Queren que pensemos, que expresemos a nosa opinión.
A metade dos nosos exames de selectividade baséanse niso. E sen embargo, que pouco lles gusta cando a damos.
Que pouco lles gusta cando dicimos o que pensamos e o dicimos en público e eses pensamentos non se corresponden cos pensamentos que nos adoutrinaron anteriormente.
Que complicado é ensinar a pensar, e ensinar a pensar o que queren que pensemos.
Que complicado é estar no instituto. Comezas a cuestionarte a túa propia ideoloxía, o que che din teus pais na casa, o que lle escoitas aos mestres...

E se, por casualidade, opinas o mesmo ca un mestre, se por casualidade un mestre non cala e che di realmente o que está sucedendo, ese mestre, segundo eles, é o que te adoutrina. Segundo eles, é o que mente.
É que a opinión dun mestre é a opinión de alguén de abaixo e non serve para chegar arriba. Quizais non sirva. Pero quen quere estar arriba cando serías o culpábel de centos de mortes, provocadas pola túa mala xestión?
Quen desexa estar arriba cando para eles ser presidente da Xunta de Galiza significa mirar polo beneficio económico de España?

Suponse que cando estás gobernando unha nación tés que mirar polo benestar xeral desa nación e non polo particular dalgunhas empresas.
De que nos serve a nós ter centos de empresas, ter a Inditex aquí, se despois cando precisamos unha brigada non nola poden conceder?
De que nos serve estudar todo o que conseguiu Amancio Ortega, se non somos quen de asimilar o que supuxo a Industria Leiteira?, a que nos dá a nós de comer, o noso sustento, o traballo, a dedicación e vida de  moitas das nosas familias?
Non nos serve de nada. Pero é que tampouco lles interesa que nos sirva de algo, porque a eles sérvelles de moito.
Quizais se o goberno da Xunta se preocupase por Galiza de verdade, non terían feito falta aquelas folgas para que o prezo do leite fose digno. Non sería precisa aquela silandeira tractorada arredor da Muralla para tentar conseguir algo.

Sabedes que? Que lles dá igual.
Dálles igual porque se o leite non vén de aquí, vén de outro lado.
Porque quen comercializa estes produtos son os supermercados. Supermercados que teñen sede por toda España.
Que os galegos morren de fame? Bah, malo será que non acepten ter man de obra barata...

E hai quen despois quere culpar aos brigadistas que foron despedidos recentemente.
Non vos confundades, o pobo non debe nunca atacarlle ao pobo. Debe axudarse entre si.
En Portugal, o primeiro ministro recoñece que hai un problema estrutural na loita anti-incendios que hai que arranxar, a ministra do ramo dimite, o xefe do Estado chora as vítimas.
En España, os políticos tratan de quitarse as culpas dicindo que “estaban preparados para os incendios pero non para os incendiarios” e que todo está ben, só que foi un fallo puntual. Ninguén dimite, o xefe do Estado ten cousas máis importantes que atender.
E menudo fallo puntual, que nos arde media casa!

Non. Non toda a culpa é do goberno.
Quero pensar que ninguén de aquí entende como pode alguén ser capaz de plantar lume no fogar de tantas persoas e de tantos animais.
Pero que se as árbores fosen autóctonas, non se propagaría tan rápido, é certo.
E que se hai 15 días non se despedira a 436 brigadistas, se podería ter parado máis rapidamente, tamén é certo.
E que se desde outras comunidades nos tivesen mandado máis bombeiros, máis aínda.
Mándanse miles de efectivos a frear unha votación e cando ocorre unha catástrofe deste grao miran para outro lado.

Se non chega a ser por Portugal...
Portugal, que estaba na nosa mesma situación, mandou máis bombeiros que Madrid, e agora pasado todo, tratan de esconder esa información na prensa dicindo que foi un bulo.
A prensa...
Informou máis do acontecido a propia Sexta que TVE.
A Radio Galega, tardou como 5 horas en cortar os deportes para emitir a información.
Nas portadas era máis importante a ausencia de resposta de Puidgemont que as mortes que se cobraba o lume aquí, ou en Portugal, ou a vaga enteira de lumes desde Portugal a Asturias pasando por Galiza.
Non sei, algo, non?

Cando a Galiza lle pasa algo, Galiza é quen se axuda a Galiza.
Supostamente somos españois.
Cando dis que non che gusta considerarte español dinche que se non che gusta que te vaias.
Pero cando intentas irte, póñente de terrorista para arriba.
É mellor ser un facha que un independentista.
Está claro que as casualidades non existen.
Despois de que hai 15 días despediran a máis de 400 brigadistas, o PP votou a favor de que se puidese edificar en terreo calcinado con fins urbanísticos, pasando por alto a Lei de Montes.
Os opositores dicían que non, porque podía dar pé a que os lumes se provocasen con máis ganas.
Deulles igual.

Deulles igual porque non é a súa terra. 
Porque aínda que Rajoy empezase a comparecer ante as televisións en acto de servizo como presidente e como galego, que quería estar aquí, que estaba moi afectado.
Pois como presidente podes vir visitar.
Como galego non, porque os galegos axudámonos.
E se es galego e estás vendo o que pasa, bótaste á rúa a protestar.
Bótaste á rúa a axudarlle á xente que está tentando apagar o lume, ese lume que non poden apagar as brigadas despedidas.

Como pasou co Prestige ou coas vítimas do accidente de Angrois.
Nós recollemos o petróleo, nós salvamos aos feridos e nós salvamos a nosa casa.
Pero Rajoy non se bota á rúa a protestar porque a xente que sae á rúa, sae á rúa contra el e contra Feijoo.
Que van, protestar contra si mesmos?
Podes ser do partido que queiras, e dicir viva España antes de irte durmir, pero as realidades son as realidades.

Nós, que somos fillos da auga, non deberiamos morrer co lume.
Nós, que temos máis esperanzas nun furacán que na Xunta para parar un incendio.
Un incendio que non só remata coa vida das persoas, senón dos animais e da nosa terra.
Valórase a perda de vivendas en función da perda das casas da xente.
Pero a perda dun monte é a perda da vivenda de centos de animais. Animais que morreron e que seguirán a morrer por falta de sustento e de refuxio.
Ser Galego é saber que os montes non arden sós.

Pero non te preocupes Galiza. “Es ave fénix, e sempre resucitas das túas cinzas”.

[Rocío Arnoso Prestes (2ºBacharelato)]


O acto contra o lume en imaxes: 









 


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Que o blog estea vivo, depende de ti. Lembra: escribe ben, manteno limpo, mellórao coa túa aportación. Participa e fainos diferentes!
En Comentar como..., selecciona: "Nome/URL". Pon o teu nome, e deixa en branco o espazo de URL. Así todos saberemos quen somos!