xuño 27, 2018

Xabier P. DoCampo




[por Xabier Cordal]

Xabier P. DoCampo era de aquí, de Castro, da Terra Chá. A persoa e o escritor, o contador de historias e o militante, que eran o mesmo, acudiron sempre ás nosas chamadas. Para o IES da vila na que continúa vivindo a súa familia Xabier DoCampo é aínda moito máis ca un nome ilustre asociado á literatura e á defensa do idioma nacional. El acompáñanos, moi fisicamente, coa calidez que acostumaba regalar, nas rúas de Castro -a súa pequena patria chairega- e nos corredores do Instituto. Poderiamos rematar este breve recordatorio coma unha necrolóxica e dicir: descansa en paz, mestre, irmao Xabier Puente Docampo. Xamais te esqueceremos. Pero el dicía que o acto de amor máis grande é contar unha historia. Contaremos logo unha que el mesmo nos relatou, aínda que sexa triste, porque tamén se relaciona coa súa razón de vida, a nosa vida. 

Non hai moitos anos Xabier visitaba un centro de ensino primario da Ría da Coruña, onde descansa o mar pequeno. O Mestre levaba, coma quen di, a vida toda tendo eses encontros coa xente miúda que era capaz de fascinar e divertir ao mesmo tempo. E deixou correr a súa voz profunda, afectuosa, ante as dúas ducias de ollos cativos que o escoitaban. Notou algo estraño -confesounos- no medio do contiño sobre bolboretas que tanto lle prestaba botar. Ata que ese desacougo se traduciu de xeito inesperado na man levantada dun neno. Quería facer unha pregunta. “Que nos querías contar logo? Di...”, sorriu DoCampo. “¿Qué significa `bolboreta´?”, dixo o rapaz.

Por iso neste país son imposibles os epitafios. Os nosos mortos non descansan. Pero continúan sorrindo.

Máis sobre Xabier DoCampo: 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Que o blog estea vivo, depende de ti. Lembra: escribe ben, manteno limpo, mellórao coa túa aportación. Participa e fainos diferentes!
En Comentar como..., selecciona: "Nome/URL". Pon o teu nome, e deixa en branco o espazo de URL. Así todos saberemos quen somos!