[por Xabier Cordal]
Xabier P. DoCampo era de aquí, de Castro, da Terra Chá. A
persoa e o escritor, o contador de historias e o militante, que eran o mesmo,
acudiron sempre ás nosas chamadas. Para o IES da vila na que continúa vivindo a
súa familia Xabier DoCampo é aínda moito máis ca un nome ilustre asociado á
literatura e á defensa do idioma nacional. El acompáñanos, moi fisicamente, coa
calidez que acostumaba regalar, nas rúas de Castro -a súa pequena patria
chairega- e nos corredores do Instituto. Poderiamos rematar este breve
recordatorio coma unha necrolóxica e dicir: descansa en paz, mestre,
irmao Xabier Puente Docampo. Xamais te esqueceremos. Pero el dicía que
o acto de amor máis grande é contar unha historia. Contaremos logo unha que el
mesmo nos relatou, aínda que sexa triste, porque tamén se relaciona coa súa
razón de vida, a nosa vida.
Non
hai moitos anos Xabier visitaba un centro de ensino primario da Ría da Coruña,
onde descansa o mar pequeno. O Mestre levaba, coma quen di, a vida toda tendo
eses encontros coa xente miúda que era capaz de fascinar e divertir ao mesmo
tempo. E deixou correr a súa voz profunda, afectuosa, ante as dúas ducias de
ollos cativos que o escoitaban. Notou algo estraño -confesounos- no medio do
contiño sobre bolboretas que tanto lle prestaba botar. Ata que ese desacougo se
traduciu de xeito inesperado na man levantada dun neno. Quería facer unha pregunta.
“Que nos querías contar logo? Di...”, sorriu DoCampo. “¿Qué significa `bolboreta´?”,
dixo o rapaz.
Por iso neste país son imposibles os
epitafios. Os nosos mortos non descansan. Pero continúan sorrindo.
O mestre seguirá sorrindo en nós sempre!!
ResponderEliminar