RELATORIO NO IES DA TERRA CHÁ
A riqueza e a importancia da toponimia
Vicente Feijoo Ares, coordinador do proxecto Galiza Nomeada, desenvolvido polo Seminario de Onomástica da RAG, estivo o día 8 de Xaneiro no noso centro para falarnos un pouco do seu labor respecto á Toponimia e que valoremos a riqueza, importancia e a necesidade de salvagardar e difundir a microtoponimia tradicional, como parte importante do noso patrimonio inmaterial. Todo ese patrimonio vive, basicamente, na memoria da xente maior e por iso corre o risco de desaparecer.
Partiu da definición de “toponimia” e a referencia de que os topónimos en Galicia teñen como única forma oficial a galega e podemos consultar a forma correcta dos nomes das provincias, parroquias, concellos e lugares no Nomenclátor de Galicia.
Explicou a diferenza entre macrotopónimos e microtopónimos, e nestes centrou o seu relatorio.
A toponimia galega é única, pola densidade de nomes que temos, pola variedade e pola súa antigüidade. O motivo da súa abundancia é que poñemos nomes a todo e calquera elemento, un anaco de terra ten un nome e o mesmo ocorre no mar. Da toponimia podemos obter información diversa, porque nos fala dos animais salvaxes que poboaron os nosos montes, do tipo de vexetación, árbores, plantas, herbas que había, o modo de vida da xente, sobre as súas crenzas e sobre a historia en xeral.
Todo este patrimonio, que representa un dos nosos principais sinais de identidade, corre o risco de perderse, xa está desaparecendo debido:
-
á transformación dos medios de vida tradicionais, cada vez menos persoas viven da agricultura, gandería, pastoreo; a xente moza non queda no rural. No mar o GPS dos barcos substitúe o coñecemento do medio acuático que posuían os vellos mariñeiros, que tiñan nome para toda caste de illotes, pedras, lugares con abundancia de peixe...
-
ás concentracións parcelarias e urbanizacións, onde todo se indica por polígonos e parcelas.
-
ao falecemento dos nosos maiores, especialmente as mulleres que atesouran moita da nosa memoria.
-
ás aldeas deshabitadas.
A seguir presentounos a aplicación colaborativa e aberta á cidadanía que permite a recollida, xeorreferenciación e difusión da microtoponimia: Galicia Nomeada. Explicou o seu manexo e como podemos colaborar para completar microtopónimos dos nosos concellos, mesmo achegar información fonética gravando a súa pronuncia ou tamén engadir outra información extra. Toda esta recollida e difusión da toponimia pode aproveitarse para:
-
a administración local, realización de rutas turísticas, servizos de correos, paquetería, na loita contra incendios, etc; ao contar coa xeolocalización dos lugares.
-
a información orográfica para a construción de obra pública.
-
como ferramenta normalizadora no ensino e coñecemento da historia local.
-
como fonte para a publicidade ou uso comercial, para denominar produtos locais, artesáns, nomes de grupos musicais...
Finalmente e para rematar deu unha explicación rápida do significado dos nomes das parroquias do concello de Castro de Rei e dalgunhas do concello de Cospeito.
Conclusión: a recollida desta información lingüística, histórica e cultural permite valorar os nosos avós e relacionar as xeracións máis vellas, coñecedoras da toponimia, cos mozos que manexan as novas tecnoloxías.
NON ROMPADES A CADEA!
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Que o blog estea vivo, depende de ti. Lembra: escribe ben, manteno limpo, mellórao coa túa aportación. Participa e fainos diferentes!
En Comentar como..., selecciona: "Nome/URL". Pon o teu nome, e deixa en branco o espazo de URL. Así todos saberemos quen somos!