novembro 18, 2021

Darío, terra e ceo

O IES da Terra Chá, coma o país enteiro, está en débeda con Darío Xohán Cabana. Tivemos a fortuna de que nos acompañase en moitas xeiras: no diálogo coa rapazada, que de pequenas a grandes nunca deixou de ler as obras que modestamente recomendamos, na conferencia sempre erudita, sempre cálida, sempre oportuna; na homenaxe que permitiu que lle fixésemos (non apenas nós, foi a comarca enteira nun daqueles Días das Letras Chairegas). 

Vimos a Darío emocionado cos miles de alumnas e alumnos dos centros de ensino a inzar o auditorio de Vilalba. Escoitamos o seu galego limpo, tan modélico na fala como canónica é xa a súa escritura no concerto das letras galegas de calquera tempo. 

Palabras extendidas, paixón da militancia na humanidade, Darío declama o seu maxisterio tamén aí, cando defendiamos a Terra Chá da agresión dunha multinacional que pretendeu, literalmente, enriquecerse convertendo en mercancía o chan que pisamos. Darío amoroso chorando o seu mestre Manuel María, Darío indignado cando as linguas de serpe burguesa e constitucional quixeron abalar outro dos seus mestres da presidencia da RAG. Darío dando forma ao poema inesquecible no que unha lontra foxe polas augas, acento nacional á Comedia do Dante, corpo dunha parroquia de Cospeito ao cabaleiro de Arturo xentil e lanzal que noutro episodio recibe a medalla de ouro da cidade de Florencia.

Desculpade que, aínda conmocionadas, articulemos mal as verbas. El coidábaas e nutríaas coma ninguén. Darío Xohán Cabana leva canda el parte esencial da emoción que se fai idioma, da dolorosa estrela rubia que amence e se despide. Váisenos parte da terra nosa e do noso ceo, que foi con el, outra vez, un ceo azul e mais branco.
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Que o blog estea vivo, depende de ti. Lembra: escribe ben, manteno limpo, mellórao coa túa aportación. Participa e fainos diferentes!
En Comentar como..., selecciona: "Nome/URL". Pon o teu nome, e deixa en branco o espazo de URL. Así todos saberemos quen somos!