xuño 01, 2019

Proxecto Viladonga

Silvia, Alicia, Naikari, Iris e mais Elba
Para quen aínda non coñece o Proxecto Viladonga, aquí vén un avance do produto final que vos espera dentro de poucas semanas. 

Dous centos de entusiastas puxémonos mans á obra baixo a batuta de Benito Buide del Real, con un sol de maio doente e un escenario bimilenario contemplándonos. Alumnado e profesorado de 4 centros unidos nun proxecto baseado no tema Aleluia de Leonard Cohen, baixo o lema "Somos Iguais. Somos Diferentes". Foi unha xornada inspiradora e moi divertida. Aínda que sufocante, deixounos un grato sabor de boca.

O curso pasado xa fixeramos unha primeira versión que podedes coñecer nunha entrada anterior deste blog titulada Un reto pola igualdade. Pero o Departamento de Música non descansa e Benito Buide, Elba Cancio, Silvia Calvo e demais coristas, músicos e percusionistas quixeron agrandar o proxecto e lanzar por toda a provincia a súa mensaxe de que a verdadeira igualdade implica tamén valorar as diferenzas.

O Terra Chá, o Díaz Moreno de Baralla, o Río Miño de Rábade e o Centro formativo de Audiovisuais da Deputación, coa axuda e as facilidades do persoal do Museo Arqueolóxico do Castro, vimos de gravar conxuntamente un videoclip coreografiado, musicado e cantado que non podedes perder. Estade atentas e atentos!

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Que o blog estea vivo, depende de ti. Lembra: escribe ben, manteno limpo, mellórao coa túa aportación. Participa e fainos diferentes!
En Comentar como..., selecciona: "Nome/URL". Pon o teu nome, e deixa en branco o espazo de URL. Así todos saberemos quen somos!